ALCALDÍA

Visto bo aos beneficios fiscais para a celebración do 800 aniversario da consagración da Catedral

29/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou o visto bo do Ministerio de Economía á declaración do 800 aniversario da consagración da Catedral como acontecemento de excepcional interese público. Este feito suporía o outorgamento de beneficios fiscais semellantes aos do Ano Santo.

Sánchez Bugallo indicou que, tras longas conversas e grandes dificultades, se conseguiu que o Ministerio de Economía dese a súa aprobación a esta cuestión. "Confío en que a vindeira semana este tema sexa aprobado en comisión parlamentaria", afirmou, de tal xeito que a previsión destes beneficios fiscais sería incorporada como emenda na Lei de Orzamentos do Estado. Expresou a súa fe en que a medida sexa ratificada por todos os grupos políticos.

Preocupación pola atención sanitaria
Na súa rolda de prensa semanal, o rexedor expresou a súa preocupación polo "deterioro rápido e severo" que está a sufrir a atención sanitaria na área de Compostela, á vista dos últimos datos oficiais de setembro que se teñen ao respecto, se ben afirmou ter constancia de "datos aínda peores". As cifras oficiais indican que o tempo de espera para unha operación é de 96 días, "seis días máis que a media de Galicia e 39 máis que en marzo de 2009", dixo. Tomando como referencia esta data, indicou que "se o tempo de espera medrou un 60% e o numero de persoas en espera un 35%, é evidente que non se tomaron decisións que melloraran a atención sanitaria" dunha área de 400.000 habitantes".

Sánchez Bugallo subliñou que "non poño en cuestión nin os profesionais, ni a calidade de prestación do servizo", senón que "desgraciadamente, os medios son insuficientes para facer fronte á demanda". Ademais, engadiu, "a previsión orzamentaria para 2011, cun investimento de 4 millóns, e a ausencia de previsións para os anos seguintes, non nos permite ser optimistas". Reiterou a súa denuncia ante unha "resposta orzamentaria inadecuada e insuficiente", concluíndo que "algo non vai ben, pero o problema é que a tendencia é a peor".

Liñas de baixo custo
A propósito doutro dos temas de actualidade, as liñas de baixo custo, o alcalde defendeu novamente o seu "gran papel para o turismo de Galicia" e non considerou "aceptable ningún tipo de poxa, que unicamente move á risa doutros e non favorece a negociación". En calquera caso, recordou que "quen ten as competencias e os contratos en vigor é Turgalicia", polo que "quen ten a responsabilidade é quen ten que tomar as decisións".

Sánchez Bugallo quixo dar un voto de confianza á Xunta para que "peche xa este tema", considerando que "hoxe a situación está máis doada de resolver". Afirmou que o Concello manterá unha "posición construtiva", pero reiterou a necesidade de que "tome as decisións quen as ten que tomar", recordando o carácter consultivo do Comité de Rutas.

Transporte metropolitano
Sobre o transporte metropolitano, cuxo convenio marco aprobou o xoves 28 o Consello da Xunta, lembrou que o Concello o aprobou o 9 de xullo, "quedando clara a falsidade dos que lle botaban a culpa ao Concello de Santiago". Queda pendente a aprobación pola Xunta do convenio específico con Santiago, pero afirmou ter o compromiso do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de levalo ao Consello da Xunta do xoves 4 ou ao seguinte.

Indicou que xa foron encargadas as máquinas canceladoras, "pois senón sería imposible o seu subministro antes do 20 de decembro. Recordou que os principais beneficiarios no servizo de transporte metropolitano (máis dun 90%) serán os veciños doutros municipios. Non obstante, o Concello comprometeuse cos municipios a dar as maiores facilidades para o funcionamento do servizo.

Rúa para Manuel Vázquez Cacharrón
Finalmente, o alcalde anunciou para mañá sábado a apertura dunha rúa no SUP-7 de Pontepedriña dedicada a Manuel Vázquez Cacharrón, garda civil asasinado en 1978 na praza de Abastos. Será a primeira rúa dun polígono que, na súa totalidade, será inaugurado o 13 de novembro.

Sánchez Bugallo reiterou o compromiso, adquirido en Pleno, de inaugurar outras dúas rúas máis, neste caso dedicada aos dous gardas civís asasinados no antigo Banco de España, antes de que remate o seu actual mandato.

Compartir: