URBANISMO

Pistoletazo de saída ao polígono da Pulleira, que se convertirá no Ensanche Norte da cidade con máis de 2.000 vivendas

30/09/2010 Un pleno extraordinario que terá lugar mañá venres aprobará de forma definitiva o Plan Parcial que desenvolve o solo da Pulleira, tal e como explicou en rolda de prensa o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

O solo urbanizable delimitado numero 4 (SUD-4) da Pulleira, cunha superficie de 29 hectáreas, convertirase no próximo Ensanche Norte da cidade. "Para o Concello e para Emuvissa é unha actuación de futuro moi importante, un gran reto que se enmarca no novo PXOM", sinalou a concelleira de Urbanismo. O polígono contará con 2.200 vivendas de protección pública, exceptuando as de realoxo, "seguindo o obxectivo do goberno municipal de facilitar o acceso a vivenda de calidade".

O alcalde sinalou que o Concello se enfronta a un gran reto co desenvolvemento deste solo xa que é o polígono máis grande que acomete Emuvissa e, por outro lado, trátase dun solo que abre unha nova parte da cidade, mentres que os que se facían ata o de agora viñan a completar áreas en parte urbanizadas.

En canto aos plazos, o rexedor estimou que o procedemento poida estar rematado no segundo semestre de 2011, data na que se podería levar a cabo a expropiación co obxectivo de iniciar en 2012 as obras de urbanización e edificación. No que respecta aos expropiados, Sánchez Bugallo aclarou que xa hai acordo previo cos residentes e todos eles terán vivenda na zona. Así mesmo, ofreceráselles aos empresarios de Costa Vella e Formarís a posibilidade de trasladarse a este novo solo, que se divide en dous poligonos, un público, que albergará as vivendas, e un privada, con uso terciario.

O Plan parcial do solo urbanizable delimitado número 4 (SUD-4) da Pulleira, formulado por EMUVISSA en aplicación das determinacións do vixente Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), ten por obxecto a ordenación detallada do devandito SUD-4 no novo Plan xeral.

As determinacións que para o desenvolvemento do sector SUD-4 se sinalan no artigo 62 da normativa do PXOM establecen que se trata dunha peza para uso residencial de gran capacidade asociada ao Cruceiro da Coruña, é dicir, a unha das fachadas de entrada da cidade, con fronte á N-550. Á vez, forma parte da expansión de Amio, xa que comparte un bordo de contacto coa avenida de Asturias. A súa superficie bruta é de 29,59 Ha.

O Plan parcial establece unha edificabilidade máxima de 0,88 m2/m2 e unha densidade máxima de 75 vivendas/Ha. O seu uso é o residencial denso co máximo dun 100% da vivenda en réxime de protección en solo de promoción pública con usos comerciais e complementarios en planta baixa.

Segundo recolle o documento, a estrutura de ordenación reflectirá unha clara continuidade co Ensanche de Amio, prolongándose as trazas viarias principais das outras áreas urbanizables, SUD-1 (Mallou) e SUNP-4 (Cancelas). A xeración dun grande eixo viario norte-sur de sistema xeral constituirá o elemento de relación fundamental desde a Autovía de Lavacolla, como variante paralela á estrada N-550. Como medidas de prevención e para a integración paisaxística e ambiental establécese a incorporación do Monte da Pena María ao sistema de zonas verdes e espazos libres.

Pleno extraordinario
Ademais da aprobación definitiva do Plan parcial do solo urbanizable delimitado número 4 (SUD-4). A Pulleira, o pleno de mañá tratará os seguintes asuntos: a aprobación inicial da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal relativa ao incremento da densidade dos solos urbanizables non delimitados tipo A; a resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación da ordenanza municipal reguladora da emisión de ruídos, vibracións e condicións dos locais; e a aprobación definitiva da revisión e adaptación do Plan especial de ordenación do Campus Universitario (PE-8).

Compartir: