PLENO

O pleno aproba a conta xeral de 2009

30/09/2010 A concelleira de Facenda explicou a situación con motivo da prórroga orzamentaria, a liquidación do orzamento do 2009, a aprobación do PEF e a aprobación do orzamento para este ano.

O pleno municipal aprobou hoxe o expediente da Conta Xeral de 2009. Segundo explicou a concelleira de Facenda, Rosa Fernández Somoza, a Conta Xeral debe seguir os trámites establecidos nos artigos 212.2 e seguintes do Texto Refundido da Lei de Facendas Locais, o cal establece o sometemento á Comisión especial de Contas e a exposición ao público durante quince días, e oito máis para a presentación de alegacións.

A Conta Xeral é formulada pola Intervención Xeral do Concello e está conformada por:

1.- A conta do Concello e do organismo autónomo Auditorio de Galicia, coa documentación complementaria, actas de arqueo, notas bancarias, estado conciliatorio e memoria de custos e rendemento dos servizos, isto é:

•Resultado Orzamentario
•Remanente de Tesourería
•Conta de Resultado económico-patrimonial
•Balance

2.- As contas das sociedades mercantís de capital integramente propiedade do Concello: EMUVISSA, INCOLSA e TUSSA, xunto cos informes de auditoría e de estabilidade.

3.- Consta ademais, como documentación complementaria, a conta da sociedade MERCAGALICIA con capital maioritario do Concello: as contas anuais e o informe de estabilidade de 2009.

Resultado orzamentario
O resultado orzamentario axustado é de -813.316,11 €. Este resultado negativo ten a súa orixe na desviación dos ingresos correntes á baixa sobre o volume das previsións estimativas do exercicio nun total de 7,7 millóns de euros (excepción feita das cuotas de urbanización que non se liquidaron pero que non provocan défice, polo que estas cantidades están deflactadas) non compensado na súa integridade co nivel de contención do gasto corrente (6,8 millóns de euros), o que fixo reducir o nivel de aforro corrente previsto, que pasa a situarse en 6,0 millóns de euros.

A porcentaxe de execución dos ingresos correntes foi do 85,95% (85,9 millóns de euros) e a das obrigas recoñecidas por operacións correntes foi do 92,04% (79,3 millóns).

Os dereitos recoñecidos netos ascenden a 116,7 millóns e as obrigas recoñecidas a 119,1 millóns. A porcentaxe de execución dos ingresos foi do 68,73% e o das obrigas recoñecidas foi do 70,16%.

O nivel de execución de operacións correntes de gastos (cap. 1 a 5) foi do 85,95%.

Execución de ingresos
Das previsións totais de ingresos, de 169.820.208,12 € recoñecéronse dereitos por importe de 116.713.114,26 €, o que supón un nivel de execución global do 68,73%.

Os ingresos presupostados de carácter corrente ascendían a 99,9 millóns de euros, e do total de dereitos recoñecidos 85,9 millóns correspóndense con ingresos correntes. O nivel de execución é o que segue:

Capítulo I: (IBI, IAE, Plusvalías, vehículos, etc.) O grao de execución é do 98,91%.

Capítulo II (IVE, ICIO, Impostos especiais) e Capítulo III: Presentan un grao de execución do 62,5% aproximadamente. A baixada máis importante das liquidacións correspóndese cos impostos indirectos e as taxas e outros ingresos, sendo o imposto de construccións e a taxa por licencias urbanísticas os que sofren a maior baixada sobre os ingresos previstos. Aínda así o nivel de execución do total dos ingresos correntes foi do 85,95%.

Polo que respecta ás operacións de capital, destaca a non materialización de ingresos derivados da enaxenación de parcelas por importe de 6.670.000 euros que tiñan como destino o financiamento de gastos de capital afectados. Están reflectidos no anexo de investimentos do orzamento de 2009. Non xeran défice, simplemente non se puideron materializar.

No relativo aos gastos, a concelleira explicou o nivel de execución do gasto en termos globais foi do 70,16%. Esta porcentaxe desagregada en Operacións correntes e operacións de capital presentan un estado de execución desigual:

A contención do gasto corrente sobre o previsto contivo finalmente o défice orzamentario sen que dificultase a realización de investimentos. O aforro mais importante no estado de gastos correspondeuse co Capítulo I e o Capítulo II.

O nivel de execución supera o 92%. Os datos presentan un nivel de aforro en gasto corrente de 6,6 millóns de euros sen esquecer que se asumiron case 3 millóns de euros en recoñecementos extraxudiciais de débedas.

Polo tanto, sobre as operacións correntes do ano 2009, comparando os dereitos recoñecidos netos coas obrigas recoñecidas netas o resultado é un saldo positivo de operacións correntes de 6.635.885,18 €.

En operacións de capital o nivel de execución foi do 47,63%. A materialización de investimentos acadou os 32,5 millóns de euros, cifra que se eleva ata 39,5 millóns se falamos de gastos comprometidos en fase de execución a 31 de decembro de 2009.

Remanente de Tesourería
O resultado orzamentario ten unha incidencia directa no remanente de Tesourería, resultado de sumar os fondos líquidos e o dereitos pendentes de cobro e restar as obrigas pendentes de pago por todos os conceptos, tanto de exercicio corrente como de cerrados. Este resultado arroxa un saldo de 20.811.243,82€.

A determinación do Remanente de Tesourería para gastos xerais está condicionado polos saldos de dubidoso cobro e polo exceso de financiación afectada. O resultado é de -898.531,08 €.

O importe pendente de cobro foron 42,3 millóns de euros correspondendo ao exercicio de 2009 24,7. Destes, 10 millóns correspóndense a transferencias pendentes doutras administracións, 3,7 millóns pendentes de licenzas urbanísticas da Cidade da Cultura e 4 millóns correspondentes á regularización de ingresos derivados do lixo xa liquidados pola empresa neste momento e 19,3 de exercicios pechados dos que o 86,65% corresponde aos anos que van dende o 2002 ao 2008.

As obrigas pendentes de pago foron 35,3 millóns de euros, dos que 14,5 millóns se corresponden con operacións de capital, entre as que se atopan obrigas do Capítulo VI por obras en execución, cuxos documentos para o pago foron remitidos no último mes do ano anterior, polo que aparecen pendentes de pago. O mesmo ocorre cunha gran parte das facturas do Capítulo II que foron pagadas nos primeiros meses do ano, e mesmo o pendente de pago do Capitulo IV.

A modificación do PEF contén medidas concretas entre as que destaca a contención do endebedamento, fixando a súa contía en 4.135.000,00€. Esta operación foi aprobada recentemente pola Consellería de Facenda e está a piques de ser asinada coas entidades financeiras. Así mesmo tivo repercusións na contención do gasto plasmado na prórroga do orzamento e mesmo no orzamento definitivo para o ano 2010.

Conta de resultados e balance
O resultado do exercicio reflectido na conta de resultados é positivo en máis de 22 millóns de euros.

Fernández Somoza destacou que o Concello dispón dun notable patrimonio público que se vai incrementando co nivel de execución dos investimentos realizados. Ao longo do ano 2009 puxéronse en marcha os mecanismos para reflectir con maior precisión no balance a situación dos mesmos introducindo á súa vez novidades na presentación da conta tales como o reflexo das amortizacións dos novos elementos inventariables ou o cambio nos criterios de valoración do custe dos servizos incluíndo os indicadores de xestión.

Finalmente consta na Conta xeral a situación de equilibrio das sociedades segundo a Lei estatal de estabilidade.

A situación formal de inestabilidade vén derivada da normativa legal e pasa polo acompasamento temporal dos ingresos e gastos no período exclusivo de execución orzamentaria, o que en opinión da concelleira de Facenda "para a práctica totalidade dos concellos é imposible".

Outros asuntos
O pleno da corporación aprobou inicialmente a modificación do regulamento de Centros Sociocuturais. Os cambios incorporados queren, entre outros obxectivos, simplificar os procesos para a renovación de membros do Consello Municipal de Centros Soioculturais e procurar unha representación máis ampla e variada, que se adecúe mellor á representación territorial dos centros.

Tamén se deu luz verde aos festivos locais para 2011, ratificando o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local. Serán os días de San Roque (16 de agosto) e da Ascensión (2 de xuño).

No apartado das proposicións foron aprobadas cos votos do goberno municipal dúas presentadas polo grupo municipal socialista: unha en relación cos fondos de rehabilitación e renovación da calidade das vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia na que se pide á Xunta "que leve adiante unha liña de axudas que permitan o acceso aos colectivos con máis dificultades económicas e que viven en barrios máis deteriorados"; e outra relativa ao "deterioro da xestión sanitaria da área de Santiago", na cal se insta á Conselleira de Sanidade "a que tome as decisións oportunas para reducir o incremento das listas de espera en Santiago utilizando os medios necesarios ao seu alcance".

Compartir: