CULTURA

Galicreques celebra os seus 15 anos con 20 compañías chegadas de diferentes lugares do mundo

30/09/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director do Festival Internacional de Títeres Galicreques, Jorge Rey, presentaron esta mañá a a nova programación deste evento que cumpre xa 15 anos de vida e que nos que trouxo a Compostela máis de 300 compañías provintes de todo o mundo.

Nesta edición, segundo García Conde, "teremos a oportunidade de ver en directo a 20 compañías de diferentes países e con variedade de estilos e tipografías: sombras, fíos, luvas, guiñois, máscaras e outras"

Na opinión de Jorge Rei trátase dun "programa ambicioso", con compañías que chegan desde Sri Lanka, Bulgaria, Portugal, Arxentina, Colombia, Chile, Alemaña e de varios lugares da Península. Tamén inclúe funcións matutinas para escolares -cuxas prazas están case esgotadas-, outras na rúa, mesas redondas e obradoiros para profesionais e tamén para nenos e nenas.

Os espazos nos que se representarán os espectáculos están esparexidos por todo o municipio, tanto no centro coma nas parroquias: Teatro Principal, Arteria Noroeste, Fundación Granell, CSC Fontiñas, CSC Marrozos, A Gracia, Nemenzo, Figueiras, Restaurante Candilejas e varias prazas: Toural, Roxa, Praterías e Praza Central da Alameda.

Ademais, haberá tres exposicións en diferentes lugares da cidade: ‘Marionetas de Malí, África’, no ambigú do Teatro Principal; ‘Títeres con poesía’, no CSC de Fontiñas; e ’25 aniversario de Títeres Cachirulo’ en Arteria Noroeste.

Poden consultar toda a programación na web www.galicreques.com e en www.compostelacultura.org. Ademais, haberá un punto de información na Praza do Toural.

Compartir: