NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Concellería de Normalización Lingüística presenta o seu programa de actividades para o 2011 ao Consello municipal

29/09/2010 A concelleira Guadalupe Rodríguez presidiu o Consello municipal de Normalización Lingüística que se celebrou onte na Casa das Asociacións de Cornes.

A edil de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, presentou ante o Consello municipal correspondente o programa da súa Concellería para o ano 2011. Éste comprende un amplo abano de actividades así como os servizos de asesoramento e formación en materia lingüística tanto a nivel interno como externo.

Unha das novidades é o xogo de toponimia de Santiago para os alumnos de secundaria, que nun futuro se realizará tamén para os de primaria. Outras actividades están xa consolidadas na programación compostelá e contan cunha ampla participación e aceptación como Namórate da lingua, Maio das Letras, as granxas-escola de inmersión lingüística, Nadalxogo, a Carta aos Reis Magos, o ou obradoiro de coñecemento da nosa contorna "Falando en Verde".

A Concellería tamén colabora con outras institucións e asociacións no desenvolvemento deste programa, como por exemplo no caso dos Obradoiros dos Axóuxeres ou a xa popular carreira Correlingua.

Ademais das actividades concretas, a Concellería de Normalización Lingüística conta cun servizo de asesoramento lingüístico que funciona tanto a nivel interno municipal como cara ao exterior, difundindo información de interese entre as asociacións, como por exemplo dándolles a coñecer as subvencións que en materia lingüística poden solicitar.

No apartado de formación, a Concellería conta cunha proposta formativa en materia de lingua para o Concello e difunde periódicamente información sobre convocatorias de cursos Celga e de linguaxes específicas. Así mesmo, ten asinado un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago polo que tres bolseiros realizan cada ano prácticas no departamento de lingua.

Entre outros asuntos, no Consello de onte procedeuse tamén á renovación de tres membros do mesmo correspondentes á representación social.

Compartir: