ALCALDÍA

Nace a web do proxecto Urbana Norte

28/09/2010 www.urbanasantiagonorte.org é un instrumento para o fomento da participación veciñal, ao tempo que da a coñecer o proxecto fóra de Santiago

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado do coordinador do Urbana Norte, Fernando Martínez, e Manuel Pan, da empresa Abertal, presentou a web www.urbanasantiagonorte.com, que a partir de hoxe se convirte nun instrumento de participación e información vital para este proxecto.

O obxectivo da creación da web é que o Urbana Norte "se difunda e coñeza entre a cidadanía de Santiago, e máis concretamente entre os veciños da zona norte", explicou Martínez. "Queremos dar a coñecer o proxecto, as súas características, as accións que o compoñen e ao mesmo tempo que se poña a disposición toda a información, o máis actualizada posible". Ademais, a web, desde a idea central de ser "transparente", segundo a definiu o responsable de Abertal, conta cun apartado 2.0 para facilitar e fomentar a participación veciñal, onde se poderán achegar propostas, facer preguntas e contar coa participación de todos os axentes involucrados para resolver dúbidas.

Ademais ofrecerase información actualizada sobre as reunións do órgano de participación cidadá do proxecto no que están representados os axentes veciñais e sociais da zona norte. Doutra banda, a web facilita outros servizos e recursos adicionais en relación coa iniciativa Urbana en xeral e co proxecto Urbana Norte en particular, como a normativa de aplicación ao proxecto, documentos de interese para os cidadáns ou os axentes implicados na xestión (empresas adxudicatarias de obras, beneficiarios de axudas, etc), arquivo de prensa, ligazóns doutros proxectos urbana, etc.

Todos os proxectos en marcha
As TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) facilitan o proceso de comunicación directa e de participación. Dentro do proxecto Urbana, existe unha área temática destinada a facilitar o acceso dos cidadáns ás TIC con dúas medidas estrela: o acceso wi-fi en espazos públicos da zona norte (parques de Bonaval, Almáciga, Belvís e Vite e centros socio-culturais de Vite e A Trisca) e a posta en marcha dunha incubadora virtual de empresas, que ofrecerá servizos para emprendedores e empresas de nova creación.

Segundo explicou o alcalde, pasada a fase previa de posta en marcha do Urbana Norte, máis "lenta e farragosa", neste momento os proxectos a executar están "xa encargados ou en fase de licitación". Así, o acceso a wifi nos parques está "practicamente feito", as obras da escola infantil de Salgueiriños empezarán este ano, a vía verde Bonaval-Almáciga "en trámite de redacción de proxecto" e os terreos da zona do colexio de Santiago Apóstolo en fase de desafectación, a restauración Monte de Deus practicamente rematada, o catalizador de Belvís tamén (antiga nave da curtidoría restaurada), a punto de adxudicarse a redacción do proxecto do centro cívico do Romaño, a piques de saír a licitación das obras das instalacións deportivas de Belvís, os programas de axudas a ONG´s xa resoltos e seleccionadas as cinco que recibirán axuda, etcétera.

Compartir: