PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica achega a metodoloxía coaching ao empresariado a través dun encontro de traballo no marco do XiC 2010

28/09/2010 O 30 de setembro expertos en coaching explicarán ao empresariado e representantes de distintas entidades vinculadas ao tecido produtivo compostelá. Esta actividade enmárcase na II Xornada Internacional de Coaching que se celebrará 30 de setembro e o 1 de outubro en Santiago, e na que está aberto o prazo de inscrición.

O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou en Santiago, xunto ao coach Daniel Álvarez Lamas, licenciado en Economía y especialista en Dirección polo Instituto de Empresa (IESE) e Otto Walter; e a Pedro Tasende, directivo e coordinador do grupo de Responsabilidade Social Corporativa e Medio Ambiente de AJE Coruña (Asociación de Xóvenes Empresarios da Coruña) o programa da II Xornada Internacional de Coaching, que se celebrará en Compostela o 30 de setembro e o 1 de outubro.

O programa inclúe un econtro de traballo enmarcado na Rede de Cooperación Local, no que destacados coachs explicarán ao empresariado e a representantes de distintas entidades vinculadas ao tecido produtivo compostelá en que consiste o coaching. Será a través dun xantar networking temático, no que cada mesa terá unha temática relacionadas coas habilidades directivas: xestión de tempo, negociación, dirección de empresas, estratexia, benestar persoal, rendemento persoal, lierado empresarial, motivación, etc.

A II Xornada Internacional de Coaching, na que colaboran distintas entidades, entre elas a Concellaría de Promoción Económica, está organizada por AJE Coruña, con Qcoach como partner. A conferencia inaugural, A arte de liderar persoas, será impartida polo estadounidense Robert Dilts, considerado un dos principais coaches do panorama internacional, que tamén estará no obradoiro práctico que se desenvolverá despois. A continuación terá lugar a inauguración oficial, á que está previsto que asista Xosé Manuel Iglesias, e o presidente de AJE Coruña, Daniel Ramos; e o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida. Despois desenvolverase a conferencia Motivando en reunións e presentacións: o discurso 100%, impartida por Joaquín Dosil, doctor en Psicoloxía, presidente da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, autor de varios libros sobre psicoloxía deportiva e membro fundador de Qcoach. Antes do encontro de traballo celebrarase unha mesa redonda sobre coaching deportivo, na que estarán presentes Miguel Angel Lotina, adestrador do Deportivo da Coruña e Ignacio Iglesias, árbitro de primeira división. Xa pola tarde desenvolverase un segundo obradoiro práctico, A comunicación 100%, e a continuación Vicens Olivé do Institut Gestalt de Barcelona impartirá a conferencia Obxectivos de realización e obxectivos de compensación. A xornada do xoves rematará cunha nova conferencia de Robert Dils: O corazón da organización: empresas poderosas prcisna de propósitos poderosos.

O venres desenvolveranse catro conferencias: O lider e a autoxestión das súas emocións: a fórmula do éxito, Como conectar estratexia, persoas e competitividade? As oito claves para o éxito dun proxecto, O líder-coach: mobilizando a cultura de empresa, Xestión do talento: o capital humano como vantaxe competitiva. A xornada que comeza ás 9.15 h. e remata ás 19.20 h. tamén contempla un obradoiro práctico sobre autocoñecemento, a mesa de experiencias Que aportou o coaching á miña empresa, e os relatorios Os límites do ser humano e Visión sistemática e compromiso persoal. A organización como equipo, un caso exemplar e un caso práctico de coaching.

A inscrición na xornada, que se celebrará na Aula de Cultura de Caixa Galicia, na rúa Carreira do Conde, número 18, está aberta. Dentro da tarifa oficial hai tres modalidades, tipificadas por días e actividades. Por un lado está o programa completo, que ten un custo de 150 €, e inclúe os dous días das Xornadas, unha cota de socio en AJE A Coruña durante dous meses e a asistencia á comida-encontro da Rede de Cooperación local. Tamén existe a posibilidade de asistir unicamente a unha das Xornadas: a do día 30 e a Comida de negocios por 130 € ou a do día 1 por 60 €. As persoas e/ou entidades que colaboran e/ou son usuarias dalgún dos programas da Concellaría de Promoción Económica e Emprego que desexen participar na xornada, teñen un desconto do 40% sobre a tarifa oficial (máis información en www.maiscompostela.org). Todas aquelas persoas que desexen recibir máis información sobre as xornadas poden visitar a páxina web http://xornadascoaching.com/ , na que poden inscribirse, ou contactar con AJE A Coruña por teléfono (981 915 635) ou e mail (xic10@ajemarineda.com).

As actividades previas ao XIC 2010 comezaron o día 1 de xullo co seminario-obradoiro A forza do coaching: poden cambiar as persoas?, no que Joaquín Dosil e Daniel Álvarez explicaron as principais claves para aplicar as ferramentas do coaching no día a día das/os directivas/os. Agora, coa celebración, en Santiago de Compostela, da II Xornada Internacional de Coaching, preténdese facilitar ao empresariado a formación necesaria para mellorar competitivamente nas súas organizacións a través do coaching; unha disciplina que, aplicada a ámbitos como o deporte, a empresa, os equipos de investigación ou as universidades, permite avanzar en materia de motivación, negociación, habilidades directivas, transferencia, coñecemento, comunicación entre equipos, etc. O ano pasado, AJE A Coruña organizou, en colaboración con distintas entidades, entre elas Promoción Económica, a I Xornada Internacional de Coaching. Asistiron cerca de 200 persoas e contou coa presenza de destacados poñentes e expertos na materia, entre eles o irlandés, Joseph O´Connor.

As Xornadas Internacionais de Coaching 2010 contan coa colaboración de distintas entidades, entre elas a Concellaría de Promoción Económica a través do programa Rede de Cooperación Local. Están organizadas por AJE A Coruña, con QCoach como partner. Nelas tamén colaboran a consellería de Economía e Industria, o IGAPE e Bic Galicia.

Rede de Cooperación Local
A Concellaría de Promoción Económica puxo en marcha a Rede de Cooperación Local no ano 2004, co obxectivo de favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial compostelá a través da colaboración entre o mundo empresarial, as institucións e a Universidade de Santiago. Para acadar esta interrelación entre empresariado, institucións e investigadores/as da USC, nos últimos cinco anos organizáronse e desenvolvéronse accións formativas, conferencias, visitas conxuntas e comidas de traballo. En 2009 leváronse a cabo, no marco da RCL, catro accións formativas, e dous encontros de traballo nos que participaron 425 persoas.

Robert Dilts
Robert Dilts é desenvolvedor, autor, adestrador e consultor no campo do PNL, un modelo de comportamento humano, aprendizaxe e comunicación. Algunhas das súas técnicas e modelos inclúen reimprontación, integración de crenzas conflictivas, patróns avanzados de linguaxe, estratexia de deletreo, técnicas para alerxias, niveis neurolóxicos, etc. Dilts é o autor principal de Programación Neurolinguistica Vol. I (con John Grinder, Richard Bandler e Judith DeLozier, 1980), o cal sirve de texto estándar de referencia para o campo. Ademais desta publicación, escribiu gran cantidde de libros sobre o PNL.

Recoñecido como un dos máis importantes desenvolvedores, adestradores e practicantes de PNL, Dilts proporcionou consultoría e adestramento a unha ampla variedade de profesionais, grupos e organizacións arredor do mundo. Entre eles Apple Computer, Alitalia, Lucasfilms Ltd., The American Society for Training and Development, ou The University of Miami School of Medicine. Tamén impartiu conferencias en PNL e realizou presentacións en distintos lugares do mundo. Dirixiou, ademais, un estudo extensivo de habilidades de liderado e creatividade para Fiat, un proxecto para a State Railway of Italy e recentemento outro proxecto para IBM Europe.

Compartir: