UMAD e Benestar Social

Continúa a campaña de deshabituación tabáquica "Cortar cos malos fumes"

29/12/2005 A inminente entrada en vigor da "Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, o subministro, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco", máis coñecida como Lei de prevención do tabaquismo, estabelecerá, entre outras medidas, a prohibición de fumar nos centros de traballo.

A UMAD (Unidade Municipal de Atención aos Drogodependentes) puxo en marcha hai uns meses unha campaña de deshabituación tabáquica aberta a todos os composteláns que desexen "cortar cos malos fumes", á que xa se sumaron doce persoas, nove delas traballadores do Concello e tres alleas.

"Cortar cos malos fumes" abarca dous campos: os membros da comunidade en xeral que desexan reducir ou abandonar o seu consumo e, sobre todo, facilitar o cumprimento da futura Lei do Tabaco sen grandes atrancos aos traballadores do Concello, deixando aberta a posibilidade de que poidan contar con recursos da UMAD para poder deixar de fumar.

O tabaquismo no noso pais é na actualidade a primeira causa illada de enfermidade evitábel, invalidez ou morte prematura. Cada ano máis de 50.000 persoas morren prematuramente en España debido ao consumo de tabaco, segundo datos do Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo do Ministerio de Sanidade e Consumo.

A metade das persoas que morren debido ao tabaquismo perderon unha media de 20 anos de vida e moitas máis persoas e familiares ven seriamente diminuída a calidade dos anos vividos. De cada 1.000 mortes que se producen en España, 142 débense ao consumo de tabaco, 20 por accidente de tráfico 2 ao SIDA segundo datos deste Comité.

"Cortar cos malos fumes"
A campaña de deshabituación tabáquica "Cortar cos malos fumes" aborda o problema do tabaquismo en xeral e en particular a súa afectación ao mundo laboral pola futura entrada en vigor da Lei do Tabaco.

No que respecta ao Concello, a campaña de sensibilización, iniciouse con enquisas aos xefes dos departamentos co fin de expoñer os problemas do tabaquismo no lugar de traballo e as súas alternativas, e ao mesmo tempo informarlles da futura Lei do Tabaco, a súa entrada en vigor e as posibles alternativas posibles.

Ademais, distribuíronse carteis, dípticos e guías entre os
traballadores do concello, fixéronse test reflexivos e, a partir do 1 de xaneiro, poñeranse sinalizacións de prohibición e retiraranse os cinseiros. A UMAD ofertará así mesmo os recursos médicos, terapéuticos e farmacóloxicos dos que dispón. O obxectivo é que o 1 de xaneiro de 2006 o Concello estea libre de tabaco.

Fóra do concello distribuíronse tamén carteis e dípticos por centros de saúde, asociacións, entidades e institucións públicas e privadas, informando e ofertando os servizos e recursos médicos que presta a UMAD.

Compartir: