CULTURA

A Catedral acollerá a representación dun drama litúrxico do século XII

28/12/2005 O venres 30 de decembro ás 22.00 horas a Catedral acollerá a representación da obra Ordo Prophetarum, un drama litúrxico do século XII. A asistencia é libre.

A concellaría de Cultura e a Dirección Xeral de Turismo, traballaron conxuntamente para que os composteláns poidan disfrutar desta obra que o concelleiro, Néstor Rego, cualificou de "excepcional". Esta peza ten unha especial significación para a cidade en canto serviu de inspiración para a construción do Pórtico da Gloria. Algunhas das escenas que se poden ver no Pórtico escenifícanse na obra Ordo Prophetarum.

Por outra banda, o director xeral de turismo da Xunta de Galicia, Rubén C. Lois González, resaltou que a institución á que representa apoia esta iniciativa porque "é unha testemuña cultural da Idade Media".

Mercedes Pintos Barreiro, produtora deste drama, salientou que a representación da obra Ordo Prophetarum, supón "a recuperación dunha parte do noso patrimonio porque se representaba na Misa do Galo". Explicou que todos os que acudan a disfrutar deste espectáculo entenderán por qué no Pórtico da Gloria aparecen personaxes que non cabería esperar, como é o caso da Raíña de Saba. Pintos explicou que se trata dun "espectáculo único que supón poñer a andar ao Pórtico".

A representación da peza Ordo Prophetarum, que durará unha hora, corre a cargo de 16 cantantes e 12 instrumentistas, a maioría galegos. A produtora resaltou a importancia de que os instrumentos, os traxes, e toda a loxística da representación está feita en Compostela.

Este é o segundo ano consecutivo que se representa na Catedral de Santiago este drama litúrxico do século XII, Ordo Prophetarum. Néstor Rego manifestou o seu interese porque este espectáculo cultural se convirta nunha cita obrigatoria nestas datas para os composteláns, e que se poida seguir representando na Catedral.

Compartir: