ALCALDÍA

Homenaxe a Antonio Fraguas con motivo do centenario do seu nacemento.

28/12/2005 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu ao acto homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas, organizado pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Museo do Pobo Galego.

No acto de homenaxe, consistente na plantación dunha árbore, un teixo, no Parque de Bonaval interviñeron Luciano García Alén, vicepresidente do Museo do Pobo Galego, e o alcalde compostelán, Sánchez Bugallo.

O 28 de decembro de 2005 cúmprense cen anos do nacemento de Antonio Fraguas en Loureiro (Cotobade), antropólogo, historiador e membro destacado do CCG ao que aínda pertencía cando morreu en Compostela o 5 de novembro de 1999.

O seu legado intelectual recóllese en varias publicacións que se atopan gardadas en institucións como o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Padre Sarmiento ou no Consello da Cultura Galega.

A preocupación que Antonio Fraguas amosou ao longo da súa vida pola revalorización e dignificacion de diferentes aspectos da cultura galega, fixéronno merecedor de numerosos premio e recoñecementos públicos. Formou parte da Real Academia Galega, da Real Academia da Historia, da Asociación de Arqueólogos de Portugal e da Sociedade Portuguesa de Etnología e Arqueología.

Compartir: