XUNTA DE GOBERNO

Penalizacións polo retraso da obra de reurbanización da rúa Espírito Santo

31/08/2010 A Xunta de Goberno, reunida en sesión ordinaria, acordou penalizar á empresa responsable da obra de reurbanización da rúa Espírito Santo polo retraso na mesma. Ademais, acordouse solicitar unha subvención para o Mercado de Gando.

O retraso na obra da rúa Espírito Santo obrigou a autorizar a ampliación do prazo do contrato ata o 30 de setembro. Non obstante, dado que a empresa incumpriu o prazo de execución pactado por causas que lle son imputables, o cal supón unha demora de 25 días naturais no remate das obras, procédese a imposición das penalizacións establecidas no prego de cláusulas a razón de 1 euro/día por cada 1.000 euros do prezo do contrato. Deste xeito, a penalización alcanza os 10.477,75 euros.

En materia de Mercados, acordouse solicitar ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño unha subvención de ata un máximo de 2.500 euros polo labor de facilitar datos estatísticos de prezos do gando acordados na xunta de prezos do Mercado.

Finalmente, aprobouse a remisión á Deputación da Coruña da xustificación do convenio coa certificación das obras de acondicionamento e posta en valor de carballeiras e lavadoiros en varias parroquias de Santiago, obras xa realizadas. Foron as seguintes actuacións de acondicionamento: parcela para campo de festa de Verdía, terreos públicos da carballeira de Nemenzo, da carballeira de Mourentán-Sabugueira e dos lavadoiros e entorno de Sanxuás de Aríns, Sionlla, Vilamaior, Vilares e Garabal.

Compartir: