ALCALDÍA

Galeras comeza a amosar a súa nova cara

27/08/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, xunto co concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, visitou estas dúas obras con cargo aos Fondos FEES 2010 e ao convenio de travesías, respectivamente. Ademais, pasou polas outras dúas obras en marcha no marco deste último convenio, a de Galeras-Salvadas-Vista Alegre e a de Rosalía de Castro-Choupana-Volta do Castro.

Co obxecto de responder ás necesidades da parroquia de Villestro, onde se vén desenvolvendo unha intensa actividade futbolística dende hai anos, o Concello está a construír alí un novo campo de herba artificial que substituirá ao actual de area. O proxecto está incluído no Fondo Estatal para a Sostibilidade Local e conta cun orzamento de 800.000 euros.

Resaltou o alcalde que este é "o primeiro campo de herba artificial na zona rural" e que prestará servizo a máis de 400 xogadores nas diversas categorías. "Todo vai perfectamente e pode que mesmo se remate a obra antes de decembro, que era a data prevista inicialmente", engadiu.

O novo campo de herba artificial, que queda a carón da área deportiva prevista no SUNP-25, permitirá albergar competicións de fútbol e de fútbol-7. En canto ás principais características, este campo de herba artificial contará con catro vestiarios –dous a cada lado- e cunha zona central para cantina e aseos. A grada, cuberta, terá unha capacidade para 150 persoas. As bancadas, en madeira, estarán dispostas de xeito que se evitará o empozamento da grada e facilitará a súa limpeza.

A carón do campo habilitarase unha área de aparcadoiro para autobuses e vehículos, que se unirá a outra existente a poucos metros no marco do SUNP-25. O campo estará perfectamente iluminado con catro torretas de luces e, para o mantemento da herba, instalaranse seis canóns de rego.

Unha das principais características do campo é que estará dotado coa última tecnoloxía en herba artificial. A subcapa asfáltica que normalmente se coloca baixo a herba artificial será substituída nesta ocasión por unha subcapa construída a base de pneumáticos reciclados. Isto deixará unha superficie menos dura, máis cómoda e elástica que, pola contra, se desgasta con maior facilidade. O sistema de drenaxe eliminará a posibilidade de empozamento en caso de choiva.

Galeras-Salvadas-Vista Alegre
As obras incluídas no proxecto de reurbanización do tramo comprendido polas rúas Galeras, Salvadas e Vista Alegre contaron cun orzamento de máis de 5 millóns de euros, apuntou o alcalde. Afectan a un tramo de 1.220 metros, cunha superficie total de 29.000 metros cadrados. Esta intervención, dixo Sánchez Bugallo, "daralle un tratamento unitario a esta antiga estrada, converténdoa nunha avenida urbana de calidade". Resaltou a complexidade da obra, na que se están a cambiar todas as canalizacións.

Un dos principais obxectivos desta actuación é harmonizar o que na actualidade son distintos modelos de seccións e materiais e as diferenzas de rasantes existentes. A ampliación das beirarrúas será outro aspecto especialmente importante para tramos nos que agora non existen ou son especialmente estreitas. É o caso do que discorre a carón do edificio das Casa das Máquinas, futuro Centro de Interpretación Ánxel Casal, que agora terá unha beirarrúa de aproximadamente 2,30 metros. Tamén en Entrerríos se gañará unha beirarrúa de 1,80 metros.

No futuro, cando se concrete o convenio con Fenosa para a cesión dos edificios contiguos á Casa das Máquinas, a solución será que esta poida ser atravesada a pé tanto por un lado, coa nova beirarrúa, como polo outro, xa que se alí se construirá unha praza pública. Neste primeiro tramo da obra, a partir do Campo das Hortas, solucionarase o problema das diferentes rasantes e manteranse os tres carrís de circulación.

No seguinte tramo, un dos aspectos máis chamativos será a mediana arborada que dividirá os carrís de circulación. E xa en Santa Isabel, a carón das instalacións deportivas, a praza converterase nun espazo arborado perfectamente integrado na rede de espazos verdes do oeste da cidade. Nesta parte, de acordo con este carácter diferenciado, o asfaltado convencional dos carrís de circulación deixará paso ao formigón.

Avanzando cara Vista Alegre, tamén se solucionarán os problemas de rasantes que se dan na confluencia das rúas Salvadas e Vista Alegre, potenciando tamén o seu carácter estancial. Finalmente, no resto do tramo, ata a rúa de Castelao, con menos complexidade técnica, gañarase en amplitude e visibilidade. Aquí destacará o novo aspecto da praza de Vista Alegre, integrando o camiño de Lermo, a fonte e o cruceiro nun espazo tamén con bastante arborado.

Choupana e avenida de Castelao
O alcalde tamén quixo pasar polas outras dúas obras incluídas no convenio de travesías, unha xa rematada, a da avenida de Castelao, e outra con data de finalización, ao igual que a de Galeras, para o 30 de novembro, a que comprende o tramo entre Rosalía de Castro e Volta do Castro.

No caso desta última constatou o bo ritmo das obras e afirmou o "esforzo enorme" que nesta obra e na de Galeras se está a realizar para cumprir os prazos. Xa na avenida de Castelao, pendente de inauguración, visitou o espazo que, grazas a un rebaixe, se habilitou para o aparcamento dos residentes. Hai que ter en conta que nesta avenida, dada a antigüidade das vivendas, a penas existen garaxes.

Compartir: