CULTURA

Dúas festas pechan o Festival dos Abrazos

27/08/2010 Na última fin de semana do Festival dos Abrazos a festa será a nota predominante, primeiro o sábado 28 cunha sesión chea de música e animación en Santa Susana, e logo con outra festa, ao día seguinte, na Zona C.

A programación do sábado 28 comezará cunha nova representación do grupo teatral madrileño Treceacero. Este grupo interpretará de novo no parque de Bonaval, a partir das 22:00 horas, a peza Coctail.

Pero o prato forte da xornada será a gran Festa dos Abrazos, unha última noite de festival que terá lugar nun lugar emblemático: a carballeira de Santa Susana e que estará chea de música e animación. A cita será para as 20:30 horas e inclúe un completo cartel para deleite do público.

Actuarán en Santa Susana o cuarteto musical de jazz galego Lemaniot, que ofrecerá un son diverso e diferente dirixido a todo tipo de caracteres e personalidades sonoras; e o trío Laïs, que interpretará un repertorio de folk belga "a capella". Pero estes non serán os únicos protagonistas da xornada, xa que compartirán cartel con Roberto Sobrado, considerado a nova promesa do indie galego, e con Turnes-Legido-García Trío, que ofrecerá un repertorio flamenco cargado de enerxía.

Festa Feito a Man
E xa para rematar o Festival dos Abrazos, o domingo 29, a partir das 14:00 horas, a Zona C e as súas inmediacións acollerán unha romaría contemporánea no marco do programa Feito a Man. Non faltarán os postos para xantar, a música en directo, Dj’s dos locais da Asociación Cultural Cidade Vella e moito espectáculo.

Compartir: