PROMOCIÓN ECONÓMICA

Preto de 40 empresas participarán no Macc 2010 a través da Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local

26/08/2010 Un total de 37 empresas convocadas a través de REDEL, a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local, da que a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo é socia fundadora, participará no Macc 2010. O Mercado Atlántico de Creación Contemporánea, que se celebrará entre o 10 e o 12 de setembro en Santiago de Compostela, é un encontro profesional multidisciplinar que ten como obxectivo a difusión e o intercambio de ideas entre creadores, artistas, produtores, xestores da cultura, empresas e institucións.

Unha vintena de colectivos falarán da influencia que teñen ou poden ter as industrias creativas no desenvolvemento dos territorios, da súa capacidade para mellorar o funcionamento das outras industrias e dos novos escenarios para a actuación que xorden coa revolución tecnolóxica.

O encontro do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea permitirá ás entidades que integran REDEL (Concellaría de Promoción Económica de Santiago de Compostela, Deputación de Barcelona, Madrid Emprende, Barcelona Activa, IMFOF-Mallorca, Getafe Iniciativas, Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón, IMEFEZ-Zaragoza, e Garapen) coñecer as tendencias actuais no marco das industrias creativas, analizalas, e adaptalas aos seus programas de desenvolvemento económico co obxectivo de incrementar a súa efectividade. Poderán asistir, entre outras moitas actividades, ás conferencias e debates recollidos no Macc, como a que ofrecerá Toni Puig, coñecido como "o gurú das cidades". Especialista en xestión cultural que durante máis de trinta anos exerceu como asesor do Ajuntament de Barcelona, Puig foi un dos xestores do redeseño da capital catalá nas últimas décadas, que permitiu "cambiar unha cidade invivible pola cidade con mellor calidade de vida de Europa". Toni Puig, que difunde o concepto de "marca cidade" como unha idea de forza arredor da cal toda urbe debe facerse visible, será o encargado de abrir o debate, o día 11, sobre a influencia que as industrias creativas poden ter no desenvolvemento dos territorios.

O Macc 2010 tamén lles proporcionará ás 37 empresas inscritas a través de REDEL (todas elas proveñen de programas de creación de empresas ou son usuarias de servizos ofrecidos polas entidades que integran esta rede) un espazo de encontro no que poden atopar novas fórmulas e ideas para aplicar ao seu negocio. Ademais de Puig, asistirán conferenciantes como Rolf Jensen, director xeral e creativo da empresa danesa Dream Company, que o día 10 falará sobre a capacidade das industrias creativas para mellorar o funcionamento das outras industrias, e o investigador e desenvolvedor de videoxogos Gonzalo Fasca, encargado de contextualizar o talk show dedicado ás novas tecnoloxías e aos novos escenarios de actuación que abren as industrias creativas.

Macc é unha iniciativa da Asociación Cultural Atlantic Comnection, unha plataforma en rede que reúne a un grupo de empresas e profesionais con dilatada experiencia na produción e xestión de cultura en territorios tan diferentes como Canarias, Galicia, Cataluña, Madrid, Alemaña ou Brasil. Coa iniciativa colaboran distintas entidades, a Concellaría de Promoción Económica, Turismo de Santiago de Compostela, o Goberno de Canarias, a través do Programa Septenio; o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea); S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais); o Consello da Cultura Galega; e Uninova, entre outras.

REDEL
Un día antes de que comece o Macc 2010, terá lugar a Asemblea Xeral da Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local, na que, entre outros temas, se debaterá sobre emprego. REDEL é unha entidade supramunicipal que se constituíu o 1 de marzo do 2007, tras un período de reflexión no que se debateu a filosofía e obxectivos da organización, nunha serie de encontros aos que asistiu o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias.

Os obxectivos de REDEL son reflexionar sobre aspectos clave no desenvolvemento local como políticas económicas e industriais, competitividade, innovación, coñecemento, políticas activas de emprego, inserción laboral, etc., para construír un modelo dende unha identidade común. Esta rede tamén se configura como un instrumento para actuar conxuntamente ante entidades públicas e privadas coa finalidade de impulsar o desenvolvemento local e comarcal; deseñar, desenvolver e executar proxectos; e intercambiar experiencias e coñecementos para innovar e incrementar a eficacia das entidades locais.

Compartir: