CULTURA

Música brasileira, hip-hop e teatro no último venres do Festival dos Abrazos

26/08/2010 Na xornada do venres 27 do Festival dos Abrazos, o público terá a oportunidade de elixir entre a música vangardista brasileira da Banda Afrofunk, o teatro de Treceacero ou o hip-hop de O2ZEN.

Para o último venres do Festival dos Abrazos está programado o concerto da Banda Afrofunk, que fora suspendido o luns 23. Este espectáculo musical terá lugar ás 20:30 horas na Rúa de San Paio de Antealtares. Trátase dunha proposta musical atrevida, enmarcada dentro da música vangardista brasileira. O trío revisa os ritmos nordestiños e os ritmos tradicionais ao tempo que mestura as cantigas populares con outros estilos, creando así un ambiente místico, natural, propondo unha viaxe arredor do mundo afro.

Tamén para esta xornada está prevista a actuación de Treceacero, un grupo de teatro que combina artistas profesionais e non profesionais e que exporá nesta peza de teatro, titulada Coctail, un encontro creativo de persoas a través das artes escénicas. A cita teatral será ás 22:00 horas na arcada do parque de Bonaval.

A última nota musical do día virá da man de O2ZEN, un quinteto con sede en Burdeos (Francia) que propón un hip-hop orixinal, con influencias do jazz e aderezado con guitarras acústicas e frautas. Os rapeiros MC AI e MC Jaco encabezan esta formación musical, que actuará a partir das 23:00 horas na Zona C.

Ademais, segue aberta nesta Zona C, de 10:00 a 20:00 horas, a exposición da artista Nuria Ruibal, que baixo o nome O ser humano ante a mirada do outro ofrece unha colección de traballos no que se fala da vulnerabilidade do ser humano e o seu eu máis íntimo, así como das barreiras das que dispón para defenderse e relacionarse co mundo exterior.

Compartir: