CULTURA

O violoncellista francés Mathieu Saglio chega a Santiago da man do Festival dos Abrazos

24/08/2010 Dentro da oferta de distintos estilos musicais proposta polo Festival dos Abrazos chega a Compostela o violoncellista francés Mathieu Saglio. Esta actuación é posible grazas ao Festival dos Abrazos, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura. Ademais desta oferta, haberá lugar para as propostas musicais doutros estilos, para o teatro mínimo e para novas curtametraxes sobre Palestina.

O Festival dos Abrazos ten programado para a xornada do mércores o espectáculo de teatro mínimo de Carmen San Esteban, que terá lugar entre as 16:00 e as 22:00 horas na rúa Nova, na entrada do Teatro Principal. San Esteban é unha actriz cunha ampla traxectoria en teatro, cine e televisión que busca ante todo o contacto directo co público. Por iso, a súa actuación será un encontro breve e directo con cada un dos espectadores que se acheguen a ela. Para gozar desta curiosa proposta teatral é preciso ter concertada unha cita con antelación. As persoas interesadas poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo festivaldosabrazos@gmail.com.

Para as 20:00 horas está prevista no xardín de Fonseca a actuación do francés Mathieu Saglio, un dos violoncellistas máis apaixonantes da súa xeración. O seu traballo Cello So é un espectáculo musical centrado arredor deste instrumento no que combina a tradición clásica con sons e ritmos traídos dos seus encontros arredor do mundo. Estará acompañado no escenario da voz de Emilio Garrido, con textos da súa novela Aire de Fuga.

Outra opción musical para a xornada será a proposta por La Otrabanda, un proxecto integrado por venezolanos que viven no exterior e que comparten así as súas creacións, inspiradas todas elas na música popular e folclórica do seu país. As súas cancións son un reflexo fresco e optimista da actual idiosincrasia dun país polarizado. Os amantes deste estilo teñen unha cita ás 20:30 horas na praza de Feixó.

A partir das 22:00 horas, na ruela de Xerusalén, comezarán as proxeccións de Palestina Sempre Presente, un ciclo audiovisual que, enmarcado no Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, se une ao Festival dos Abrazos co obxectivo de abrir unha fiestra á realidade de Palestina. Neste día amosaranse tres curtametraxes palestinas tituladas Last Station, Lesh Sabreen e On the east side.

Ás 22:30 horas, a praza de Cervantes será o escenario do concerto de In Reverse+Carlos López. O primeiro é un cuarteto que nace coa motivación de explorar os ritmos funk e soul mesturándoos con elementos do jazz. O conxunto explora as posibilidades do seu son a través de amaños e cancións frescas de ritmos pegadizos. Pola súa banda, Carlos López interpretará temas do seu segundo disco, The Last Minute Experience, onde fusiona os estilos como o chillout ou funk co jazz de vangarda.

Compartir: