ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "O mapa de titulacións universitarias debe ser respectado"

24/08/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quixo reiterar a posición do Concello de "absoluto apoio" á Universidade de Santiago respecto á Facultade de Medicina. Na súa primeira comparecencia ante os medios de comunicación tras as súas vacacións, insistiu en que "o mapa de titulacións universitarias debe ser respectado".

Recordou Sánchez Bugallo que, naquel reparto, "Santiago sacrificou pezas importantes a cambio da titulación única de Medicina". Agora, "nun escenario de escasos recursos económicos, e precisamente na carreira máis cara, duplicar titulacións non vai na dirección correcta", engadiu.

"Sempre sospeitei que a conselleira de Sanidade non estaba soa", dixo o alcalde respecto das últimas declaracións do conselleiro de Educación. Non obstante, manifestou a súa sorpresa polo lugar, nunha visita ao novo CEIP Ramón Cabanillas, e polo momento, "cando o escenario orzamentario das administracións vai a ser peor que o deste ano". Neste sentido, resaltou a incongruencia de abrir este debate nunha Comunidade que a penas dedica o 0,7% do PIB á Universidade –menos que noutras autonomías- e que "ten dificultades mesmo para manter o financiamento básico para o mantemento da mesma".

O alcalde apuntou que "o Concello non tomará máis posicionamentos antes de tratar o tema co novo equipo reitoral", pero insistiu en que a USC "terá todo o apoio na defensa da titulación de Medicina e do seu financiamento. A propósito das declaracións doutros rexedores municipais sobre esta cuestión, afirmou que non lle preocupan. "O que me preocupa son as declaración dos representantes da Xunta, que son os que teñen as competencias", concluíu.

Unhas 40 obras a inaugurar ata marzo
Sánchez Bugallo aproveitou tamén para trazar as prioridades inmediatas da cidade, entre as que destaca o remate das diferentes obras en marcha. Así, anticipou que entre setembro e marzo "vanse inaugurar non menos de 40 obras".

Repasando algunhas, en setembro poderase inaugurar a obra da avenida de Castelao, xa rematada. As outras dúas travesías en marcha, afirmou, está previsto que estean finalizadas antes do 30 de novembro.

As actuacións financiadas con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local marchan igualmente a bo ritmo. A única que leva un retraso, porque empezou dous meses despois da data prevista, é a do futuro centro cívico de Santa Marta, para a que se pedirá unha prórroga ata o 31 de marzo. Tamén para marzo estímase a conclusión do túnel do Hórreo e da nova terminal de Lavacolla.

Rematadas ao longo desta semana as obras de reposición do firme máis complicadas, establecerase un programa para outras actuacións nos vindeiros meses. En setembro comezarán tamén as obras de reposición de beirarrúas, unha vez adxudicadas en Xunta de Goberno.

Ademais das obras, fixou como prioridade inmediata a preparación da visita do Papa en novembro e, a medio prazo, concretar o "posXacobeo", ese período que irá dende o 2011 ao 2020.

Compartir: