FESTAS

O espectáculo de Jean Michel Jarre pechará as festas do Apóstolo

30/07/2010 As festas do Apóstolo rematan cos tradicionais fogos na escalinata do campus universitario, que corren a cargo da empresa Pirotecnia Caballer e que ofrecerán un novo espectáculo de luz e son cargado de colorido. A exhibición comezará ás 24:30 horas, unha vez finalice o concerto de Jean Michel Jarre na praza do Obradoiro.

O gran concerto de fin de festa do compositor francés comezará ás 22:30 ante un aforo limitado a 8.000 persoas, por razóns de seguridade. A actuación de Jarre entra dentro da súa nova xira mundial, á que bautizou como 2010 en homenaxe a Sir Arthur C. Clarke, e que integra a máis pura tecnoloxía en son, luces e efectos especiais para conseguir un resultado asombroso dando como resultado a un "espectáculo total". Jarré é considerado un dos pais da música electrónica e xa é influencia de grupos como Air a Daft Punk, Moby ou The Chemical Brothers.

Os mellores traxes galesgos
Tamén nesta xornada celebrarase durante toda a xornada a XXXI edición do Día do Traxe Galego, onde se agarda unha alta participación en todas as idades entre o desfile e o concurso. A xornada comezará coa concentración na Alameda ás 11:30 horas para saír máis tarde o desfile dende o seu paseo central. Percorrerá Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo e o funcionamento do botafumeiro. Ás 14:00 horas a Corporación Municipal ofreceralles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingos de Bonaval (non se admitirán participantes a partir das 16:30 horas). O desfile comezará dende aquí ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Toural, rúa do Vilar, Praterías, Conga e entrará na Quintana pola rampa de San Paio e Casa da Conga. O desfile continuará no interior da Quintana onde, ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios son: premio de traxe antigo completo, premio de traxe de cotío e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos. Ao final do acto entregaranse os premios aos gañadores do certame e tamén os galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego a persoas ou institucións destacadas polo seu labor na promoción e difusión dos traxes tradicionais. Finalmente, a banda e grupos de gaitas que os acompañará durante o percorrido tocarán todos xuntos o himno galego como peche da celebración.

Patinaxe
Tamén, durante toda a xornada terá lugar o Campionato galego de patinaxe artístico sobre rodas no pavillón municipal de Vite, do cal sairán os clasificados para participar no certame a nivel estatal. Este campionato, organizado polo Club de Patinaxe de Compostela e convocado pola Federación Galega de Patinaxe, articularase en dúas categorías, alevín e infantil, e dúas modalidades, libre e figuras obrigatorias. Participarán un total de 38 nenos ( 33 nenas e 5 nenos). Haberá adestramentos, competicións e entrega de trofeos para os tres primeiros clasificados (medalla de ouro, prata e bronce). O domingo continuarán as actividades.

Máis música na Alameda
A orquestra Trovadores poñerá a música e o baile na Alameda a partir das 23:00 da noite. Ás 24:30 fará un descanso para poder desfrutar dos fogos fins de festa. Outra opción musical para a noite de mañá vivirase no Toural, co concerto de Liridade Noctámbula á 01:00, tomará o relevo Son Tres que pechará as festas con música latina en San Paio de Antealtares.

Compartir: