FESTAS

Pereza ofrece en Santiago o seu único concerto deste verán en Galicia

29/07/2010 O dúo madrileño Pereza presenta o venres 30, ás 22:00 horas na praza da Quintana, o seu último traballo discográfico, Aviones. Trátase do seu sexto álbum de estudo da banda cun son máis acústico e toques de folk e country.

Aviones preséntase como un disco máis intimista, máis folkie e mesmo, máis persoal, con temas en acústico e bastantes medios tempos. As letras das 17 cancións que conforman o álbum reflicten a paixón coa que foron ideadas dando lugar a un traballo que o dúo cualifica de "corazón acústico". O grupo conta con novos instrumentos e algúns que utilizaron de forma esporádica coma o banjo, a mandolina ou o melotrón. Recibiron ademais a colaboración de Andrés Calamaro nun dos temas que compoñen este último traballo.

Os Pereza terán como teloneiros ao grupo madrileño 84, unha formación que naceu no seo do Selo Movistar e que está comezado a espertar e a tocar a nivel nacional e internacional como teloneiros de Julieta Venegas, Amaia Montero, Ragdog e Pereza. A banda estase consolidando como unha das novas promesas da música española.

A compra das entradas pode realizarse a través de www.servicaixa.com, no despacho de billetes telefónico 902 332 211, no Teatro Principal (en horario de 17:00-21:00 horas) ou directamente no despacho de billetes da Quintana momentos previos ao inicio do concerto.

O grupo romanés Nightlosers volverá a dar nesta mesma xornada un concerto no Toural, acompañado novamente por Flirt, aos que se sumará a formación alemá Trigon. Será a partir das 24:00 horas.

Cambio de horario nos fogos de fin de festa do sábado
O espectáculo pirotécnico que pechará as festas do Apóstolo 2010 e que terá lugar na escalinata do Campus comezará ás 24:30 horas, unha vez finalice o concerto de Jean Michel Jarre na praza do Obradoiro. Co fin de evitar a coincidencia no tempo dos dous espectáculos, decidiuse retrasar o inicio dos fogos de Fin de Festa. Por outra parte, o concerto de Jean Michel Jarre, no Obradoiro, comezará ás 22:30 horas.

A actuación de Jarre entra dentro da súa nova xira mundial, á que bautizou como 2010 en homenaxe a Sir Arthur C. Clarke, e que integra a máis pura tecnoloxía en son, luces e efectos especiais para conseguir un resultado asombroso. Por razóns de seguridade e seguindo o protocolo marcado, o concerto terá un aforo limitado a 8.000 persoas.

O sábado 31, última xornada de festas deste ano, celebrarase a XXXI edición do Día do Traxe ao longo de todo o día. Haberá concentración das persoas ataviadas con traxes tradicionais galegos na Alameda, ao que seguirá o desfile polas rúas da zona monumental ata o Obradoiro. Xa pola tarde, terá lugar a exhibición e concurso de traxes na Quintana.

Compartir: