MEDIO AMBIENTE

A Comisión de Medio Ambiente do Grupo Cidades Patrimonio prepara un libro sobre o patrimonio natural das 13 cidades

29/06/2010 A Comisión de Medio Ambiente do Grupo Cidades Patrimonio está a preparar unha publicación sobre o patrimonio natural das 13 cidades que o conforman. As trece cidades ofrecen, xunto cos seus indubidables atractivos e itinerarios monumentais e culturais, valores e itinerarios naturais.

O libro a editar dá resposta, por unha banda, á crecente preocupación social e das administracións pola sostibilidade e pola aplicación de programas de xestión e planificación do desenvolvemento urbano que respecten e fomenten o medio natural, o que se coñece como "a transformación do territorio en paisaxe". Por outra banda, esta obra responde tamén a esa crecente demanda da veciñanza das cidades e das persoas que as visitan que procuran circuítos alternativos: zonas verdes, espazos naturais, parques e xardíns, especies propias de flora e fauna...

Trátase dunha publicación que conxuga creatividade e divulgación. Un percorrido natural, literario, e ao mesmo tempo vivo polas súas paisaxes urbanas. Os textos correrán a cargo de 13 recoñecidos autores, bos coñecedores e cunha estreita relación coas súas respectivas cidades patrimonio. Cada un deles achegará o seu estilo e narrativa persoal, de xeito que o conxunto da obra ofreza un prisma multicolor e suxestivo, con personalidades diferentes, pero cun fin único: a posta en valor, dende a creatividade, do patrimonio natural.

Trece prestixiosos fotógrafos, cunha especial vinculación con cada unha das cidades, farán que as imaxes interactúen coa parte escrita, proporcionando un percorrido visual que conxuga grandes panorámicas con detalles de primeiros planos ou escenas cotiás. O capítulo dedicado a Santiago de Compostela encargóuselle á escritora Marilar Aleixandre, á que recentemente a Asociación de Escritores en Lingua Galega dedicou a sexta edición da homenaxe A escritora na súa terra, e ao fotógrafo Fuco Reyes, autor, entre outras, da mostra Compostela Natureza.

O libro incluirá ademais un DVD cos contidos do volume en formato dixital Flash Shockwave que integra: galería de imaxes, imaxes animadas e textos explicativos. Cada cidade terá unha ligazón ou conexión a unha páxina web cos recursos naturais que cada unha está interesada en potenciar e que funcionará a xeito de ciberbibliografía. A publicación, cun formato de 23 cm ancho por 22 cm alto e 220 páxinas a toda cor, estará na rúa a finais de ano. Editaranse un total de 11.000 exemplares, 9.000 que distribuirá o Grupo Cidades Patrimonio e 2.000 que se comercializarán en réxime de coedición.

A dirección e edición desta publicación adxudicóuselle á empresa compostelá Albarellos Editora, que concorreu á contratación xunto con outra seis empresas de Burgos, Córdoba, La Laguna e Tarragona.

Compartir: