BENESTAR SOCIAL

Benestar Social edita material formativo para promover condutas non agresivas dos pais na educación dos seus fillos

29/06/2010 O Concello de Santiago veu participando durante dous anos no programa europeo GRUNDTVIG "Look at yourself - parents toward situations causing aggression". Do 28 ao 30 de xuño estase a celebrar a última reunión plenaria deste proxecto, á que asisten representantes das entidades dos outros tres países socios.

Desta reunión e do material común elaborado sobre as mellores prácticas de prevención da violencia falou en rolda de prensa a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, acompañada pola directora da UMAD, Pilar Bermejo, e de representantes das outras catro entidades socias. A continuación, a propia concelleira recibiu en Raxoi a estes representantes.

No caso de Compostela, elaborouse unha publicación que recolle, a través de viñetas, distintas condutas inadecuadas no trato dos pais cos fillos e as formas correctas de actuar nestes casos. Segundo destacou Mar Martín, "non se debe confundir autoridade con violencia, xa que as actitudes violentas ou agresivas xeran actitudes violentas nos propios fillos". Neste aspecto incidiu tamén a directora da UMAD, Pilar Bermejo, apuntando que o obxectivo final é "traballar cos pais formas de expresión de modo que os fillos non se sintan agredidos".

O obxectivo principal deste proxecto é educar os pais e nais na prevención da violencia. Por iso, traballouse para dar resposta a diversas cuestións relacionadas co modo de actuar como pais. As respostas proporcionan indicacións para que os pais e nais adquiran capacidades no manexo das propias emocións, tendo en conta que os seus fillos son un grupo con necesidades educativas específicas.

Viñetas explicativas
Bermejo explicou o proceso seguido no proxecto, que partiu das enquisas realizadas polos socios nos diferentes países. En torno ao resultado destas consultas programáronse diversas actividades, buscando traballar nestas actitudes convenientes á hora de educar os fillos. De todo este labor saíu un material, que no caso de Santiago se resume nestas viñetas. A partir de agora, os socios participantes intercambiarán os seus respectivos materiais, que serán utilizados, no caso compostelán, en todos os talleres familiares que ten en marcha a UMAD.
Destacou a directora da UMAD, a maior percepción que hai na actualidade entre os pais e nais do que é unha actitude agresiva. Neste sentido, agradecen que se lles dean estratexias a fin de diminuír os comportamentos que se poidan percibir como violentos.

Nas viñetas amósanse exemplos de conductas que resultan moito máis efectivas para establecer regras de comportamento aos fillos, como poden ser expresar os propios sentimos ante un mal comportamento, non facer ofensas, escoitar, formular alternativas válidas ou a substitución das críticas polo humor. Pola contra, tal como se explica, as ameazas ou as ofensas soen desencadear conductas semellantes por parte dos fillos.

Ademais do Concello de Santiago, a través da UMAD, os socios participantes neste proxecto son: Asociación Taurus (coordinadora) e Blind Foundation, de Polonia; Spazio Giovani, de Italia; e Organizatia Salvati CopiII filiala dolj, Save the Children, de Romanía.

Compartir: