TURISMO

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo de Santiago colaboran na organización do MACC 2010

29/06/2010 A Concellaría de Promoción Económica e Turismo de Santiago colaboran na organización da segunda edición do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea (MACC 2010), segundo explicaron o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o presidente de Atlantic Comnection,Vítor Belho.

O MACC 2010, que se desenvolverá baixo o lema "Industrias creativas, procesos creativos", celebrarase en Santiago de Compostela o 10, 11 e 12 de setembro, coincidindo coa Asemblea de REDEL, a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local. O MACC é un encontro profesional multidisciplinar que ten como obxectivo a difusión e o intercambio de ideas entre creadores, artistas, produtores, xestores da cultura, empresas e institucións.

As industrias creativas suman innovación e imaxinación, dous factores que, unidos, axudan na creación e consolidación de novos negocios, xerando emprego e riqueza no territorio onde se asentan. Contribúen, ademais, a mudar as tendencias sociais, políticas e educativas. Nun contexto económico como o actual cómpre buscar novas vías para avanzar no desenvolvemento local, entre elas a aposta polas industrias creativas. O encontro do Mercado Atlántico de Creacion Contemporánea permitirá ás entidades que integran REDEL (Concellaría de Promoción Económica de Santiago de Compostela, Deputación de Barcelona, Madrid Emprende, Barcelona Activa, IMFOF-Mallorca, Getafe Iniciativas, Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón, IMEFEZ-Zaragoza, e Garapen), coñecer as tendencias actuais, analizalas, e adaptalas aos seus programas de desenvolvemento económico co obxectivo de incrementar a súa efectividade. Tamén lles proporcionará as empresas convocadas a través desta rede, un espazo de encontro no que poden atopar novas fórmulas e ideas para aplicar ao seu negocio.

MACC 2010
MACC é un laboratorio para a exposición do risco e do atrevemento, que reúne a persoas do ámbito da economía social interesadas no desenvolvemento de proxectos e ideas innovadoras. É un espazo no que distintos profesionais traballan na construción dunha relación saudable e frutífera entre a creación artística, a economía e a empresa. Calquera proxecto de calquera disciplina que incorpore creatividade, a innovación ou o risco artístico ten en MACC un espazo de presentación.

Todas as persoas e/ou entidades que teñan unha proposta creativa poden dala a coñecer no MACC. O proceso é o seguinte. Teñen que enviar a idea (máximo 2 páxinas con título, resumo e exposición) e un breve currículo (1 páxina con datos persoais e traxectoria profesional) ao correo electrónico info@maccatlantic.org, antes do 30 de xuño. Se é seleccionada, difundirase no Mercado Atlántico de Creación Contemporánea.

A primeira edición do MACC celebrouse no Auditorio de Tenerife os días 23, 24 e 25 de abril de 2009 e contou cun total de 427 profesionais acreditados. Neste segunda edición, o MACC fai unha aposta pola creación en colaboración. Cre que a reflexión debe ir máis alá da capacidade das industrias para xerar retornos económicos. Partindo desta filosofía, artellarase ao redor de tres eixes: as industrias creativas, novos escenarios para a actuación; as industrias creativas, máis alá das industrias culturais; e as industrias creativas e o desenvolvemento.

MACC é unha iniciativa da Asociación Cultural Atlantic Comnection, unha plataforma en rede que reúne a un grupo de empresas e profesionais con dilatada experiencia na produción e xestión de cultura en territorios tan diferentes como Canarias, Galicia, Cataluña, Madrid, Alemaña ou Brasil. Coa iniciativa colaboran distintas entidades, a Concellaría de Promoción Económica, Turismo de Santiago de Compostela, o Goberno de Canarias, a través do Programa Septenio; o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea); S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturales); o Consello da Cultura Galega; e Uninova.

Compartir: