MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA

O II Concurso de Balcóns promove a recuperación da viveza destes elementos na Cidade Histórica

31/05/2010 Ponse en marcha a segunda edición do Concurso de Balcóns da Cidade Histórica de Santiago Flores na Cidade. Do 1 ao 4 de xuño, os interesados en participar poden recoller de balde as súas plantas no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, en horario de 12:00 a 14:00 horas.

Os que queiran participar no Concurso deberán ter adornados os seus balcóns antes do 1 de xullo, xa que entre esta data e o 7 de xullo o xurado avaliará os balcóns, segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, na presentación desta segunda convocatoria. O seu obxectivo, chamar a atención sobre os beneficios socioambientais da recuperación dos balcóns como elementos vivos do casco vello.

Tamén participou na presentación concelleira de Cidade Histórica, Olga Pedreira, quen deu a coñecer os premios: diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 200 euros para o primeiro; de 100 euros para o segundo e de 50 euros para o terceiro. Haberá tamén un premio do público, por valor de 75 euros, para balcón máis votado a través da páxina web do 1 ao 7 de xullo. O nome dos gañadores farase público o 9 de xullo.

O xurado terá en conta aspectos como o estado de conservación do balcón, a orixinalidade da ornamentación, a harmonía no crecemento das plantas, a combinación de cores, a variedade, calidade e perdurabilidade dos elementos vexetais ou a innovación de especies e elementos accesorios.

Poderán participar no concurso todas as persoas titulares ou arrendatarias de vivendas con balcóns que reúnan as condicións necesarias para ser decorados sen que isto supoña ningún perigo para a súa integridade nin para os viandantes. Loxicamente, deben estar na Cidade Histórica.

Expostos nesta web
Os participantes exhibirán un distintivo do Concurso nun lugar visible e deberán remitir fotografías á organización. Estas fotografías expoñeranse nun espazo ao que se poderá acceder a través dun enlace na portada desta páxina web.

O prazo de presentación ao II Concurso de Balcóns abranguerá do 1 ao 30 de xuño. As inscricións realizaranse mediante o correo electrónico, medioambiente@santiagodecompostela.gal, ou persoalmente no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, de luns a venres, de 12:00 a 14:00 horas. Haberá que achegar a seguinte documentación e información: DNI do concursante, teléfono de contacto, situación exacta do balcón e tres fotografías en papel ou dixitais do balcón, unha anterior á ornamentación e outras dúas co balcón adornado.

Compartir: