COMERCIO

Entregadas as bandas aos comercios gañadores da edición de primavera do Concurso de Escaparatismo

31/05/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo entregou as bandas de escaparatismo aos tres premiados na edición de primavera do VII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping: a tenda de moda Spiral, o establecemento de artesanía africana Mama Egue e a Castelcán, especializado en produtos de veterinaria. Xosé Manuel Iglesias tamén entregou unha figura de Sargadelos a Mama Egue, gañador do Concurso de novas ideas empresariais Compostela Activa 2009, na categoría de Autoemprego.

En primeiro lugar, o concelleiro entregou a banda de escaparatismo ao segundo clasificado, Mamá Egue, situado na rúa da Algalia de Arriba, número 15. A continuación dirixiuse á tenda de moda Spiral, primeira clasificada, e localizada na rúa do Doutor Teixeiro, número 30. Por último, entregou a banda ao establecemento premiado en terceiro lugar, a tenda de produtos de veterinaria Castelcán, situada na rúa de García Prieto, número 10.

O xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valorou especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión primou tanto o escaparate como o interior do comercio. A esta edición do concurso presentáronse 27 establecementos, pertencentes a quince sectores de actividade distintos: seis de moda, catro de decoración, tres de artesanía, dous de alimentación e dous relacionados coa música. O resto eran tendas de deportes, complementos, produtos de veterinaria, materiais de construción, xoguetarías, xoiarías, librarías, peletarías, ópticas, e zapatarías.

Concurso de novas ideas empresariais
Xosé Manuel Iglesias tamén entregou unha figura de Sargadelos a Mama Egue, como gañador do Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2009, na categoría de Autoemprego. As outras cinco empresas premiadas xa recibiron a distinción o 8 de abril. Cada unha delas recibiu un premio de 4.000 euros, dos que se descontaron os impostos. Todas elas están xa constituídas.

Compartir: