IGUALDADE

A Concellería de Igualdade exhibe ata o 7 de xuño os traballos realizados no curso "A saúde a través da arte"

27/05/2010 Clausurada a terceira edición do curso "A saúde a través da arte", organizado pólo Centro de Información á Muller, da Concellería de Igualdade, os traballos realizados neste curso forman agora unha exposición titulada Procesos, que estará aberta ao público nas dependencias da Concellería (rúa Isaac Díaz Pardo, 2-4) ata o 7 de xuño, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas.

Na terceira convocatoria desta singular experiencia terapéutica e plástica confluíron as mulleres que asistiron á edición de xaneiro de 2009 e á de outubro do mesmo ano. A saúde a través da arte baséase na experiencia de vivir procesos internos, sentimentos e emocións. A través de diferentes técnicas plásticas, achegouse ás participantes ao redescubrimento das súas propias capacidades e habilidades, desenvolvendo a autoestima nun espazo de diálogo e encontro a través de procesos creativos en grupo.

Este taller quere potenciar o estado de saúde e benestar das mulleres a través do traballo creativo, favorecendo o descubrimento persoal de procesos internos. Tamén ten como obxectivo desenvolver a autoestima e a capacidade de expresión, ensaiar diferentes técnicas plásticas e promover un espazo de diálogo, encontro e integración.

O curso estruturouse en oito sesións, distribuídas a razón dunha sesión de dúas horas e media por semana. A primeira tivo lugar o 6 de abril e a última foi o martes 25 de maio. As clases foron impartidas no CSC das Fontiñas polo arteterapeuta e artista plástico Ismael Rodríguez Fraga.

Compartir: