CULTURA

Máis de 40 espectáculos e 27 magos encherán a cidade de ilusión no IV Festival Internacional Compostela Máxica

30/04/2010 Do 2 ao 8 de maio, a cidade volve encherse de maxia co IV Festival Internacional de Ilusionismo Compostela Máxica. Durante sete días, 27 magos de Galicia e de fóra levarán a ilusión a todos os recunchos da cidade: prazas, centros socioculturais, colexios, hospitais, pubs, Teatro Principal e Auditorio de Galicia.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; e o Mago Xacobe, responsable desta nova edición, presentaron o programa de Compostela Máxica, que inclúe 43 actuacións, ademais dunha "sorpresa máxica" sen desvelar.

Unha das novidades deste ano é a celebración dunha Gala Memorial Carlos Asorey, unha homenaxe a quen dende o Dado Dadá "foi un dos máis decididos impulsores da maxia na cidade e mentor de moitos magos", explicou Socorro García Conde. O mago Xacobe destacou que "Carlos Asorey foi o mecenas da maxia en Santiago, e criamos que a mellor homenaxe que podiamos facerlle era ofrecer unha gala coas novas promesas que se están a facer un oco no mundo da maxia". Entre os novos talentos que poderemos ver no Teatro Principal o mércores 5, ás 20:30 horas, estará o Mago Dani, de Melide, de tan só 12 anos, ou Martín Varela, de Ferrol, que aos seus 14 anos "apunta que vai ser unha gran estrela", sinalou Xacobe.

Outro dos momentos estelares desta edición é a presenza de Juan Tamariz, "unha lenda internacional, o mellor mago de cartas no mundo", subliñou Xacobe. El ofrecerá unha gala unipersoal o xoves 6 no Auditorio de Galicia, coa colaboración da súa muller, a maga colombiana Consuelo Lorgia. Nas galas internacionais dos días 7 e 8 de maio participarán grandes estrelas mundiais da maxia, como Huan Zheng (China) Mikael Szanyiel (Francia), Le Mime Daniel (Israel) ou Marc Antoine (Bélxica), ademais da parella armenio-rusa Sos & Victoria, que contan con varias marcas mundiais de cambio de vestiario. O cómico Roberto Vilar será o encargado de presentar estas galas.

Ademais das novas promesas e as estrelas internacionais, ao longo da semana actuarán en Santiago algúns dos magos galegos máis prestixiosos, como Mago Rafa, Mago Pablo, Mago Richard, Mago Xacobe ou Mago Teto, e de España, como Willy Monroe, Kayto ou Juan Mayoral. O festival ábreo Víctor Cerro o domingo 2 ás 19 horas na praza do Obradoiro, nunha actuación na que "se vai xogar a vida", en palabras de Xacobe. Atado con cadeas de mans e brazos, unirase mediante 40 metros de corda a un vehículo, e terá que liberarse en menos dos 10 segundos que tarda ese coche en percorrer os 40 metros. A Gala Galega de Maxia, as noites máxicas nos pubs da cidade, as funcións escolares, a maxia nas rúas e as sesións de maxia solidaria completan o atractivo programa desta edición.

Xa están á venda as entradas para as actuacións no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia. As do Auditorio teñen un prezo de 10 euros, con desconto do 50% para estudantes e xubilados, e as do Teatro Principal custan 5 euros. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes electrónico de Caixa Galicia (902 43 44 43 e www.caixagalicia.es) e o día anterior a cada función no despacho de billetes do Auditorio.

"A maxia sempre enche en Santiago", sinalou o Mago Xacobe", que concluíu que "en tempos de crise, a ilusión é moi importante".

Compartir: