ALCALDÍA

O alcalde proponlle aos europarlamentarios a inclusión dunha sección sobre o Camiño de Santiago no Museo de Europa

29/04/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, propúxolle aos representantes da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento a inclusión dunha sección dedicada ao Camiño de Santiago no Museo de Europa, en Bruxelas. O vicepresidente desta Comisión, Morten Lokkegaard, acolleu moi favorablemente esta proposta e comprometeuse a estudala.

Sánchez Bugallo segue así recompilando apoios para unha idea que xa fora apoiada polo Intergrupo Parlamentario do Camiño de Santiago e polo embaixador español en Bélxica na recente visita a Bruxelas no marco do programa Santiago-Une. Precisamente, o alcalde expúxolle aos membros da Comisión os obxectivos desta iniciativa, liderada por Santiago e na que participan tamén as cidades italianas de Asís e Narni, a portuguesa de Santiago do Cacem, a alemá de Ratisbona, a francesa de Rennes e Córdoba en España.

Na súa intervención tras o encontro en Raxoi, o rexedor compostelán reafirmou o compromiso de Santiago co "ideal europeo". Así o constatou tamén Morten Lokkegaard, quen dixo que na cidade se detecta este "espírito europeo" e a súa "universalidade".

O parlamentario europeo tamén quixo amosar o seu apoio ao Xacobeo. Así, anunciou que se viña de aprobar unha emenda nos orzamentos de 2010 pola que se destinan 1.800.000 euros para accións transfronteirizas, que lle corresponderá executar á Xunta de Galicia no marco do Ano Santo.

Tamén se presentará en breve un proxecto para crear unha ruta específica para bicicletas no Camiño de Santiago. Destináronse 600.000 euros ao estudo deste programa piloto, que nace co obxectivo de reforzar aínda máis esta ruta de peregrinación.

A delegación da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo foi recibida en Raxoi polo alcalde compostelán, antes da celebrar unha reunión de traballo e un posterior encontro cos medios de comunicación. Ao mediodía, a delegación trasladouse ata o parque de San Lázaro, onde se descubriu unha placa conmemorativa da visita. Logo, todos realizaron a pé o último tramo do Camiño de Santiago.

Compartir: