ALCALDÍA

Albert Fert, outro Nobel que deixa a súa sinatura no Libro de Honra da Cidade

29/04/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu o Nobel de Física en 2007, o francés Albert Fert, que está en Santiago para participar no programa ConCiencia, organizado polo Consorcio e a Universidade de Santiago.

Albert Fert únese á lista de premios Nobel cuxa sinatura figura xa no Libro de Honra da Cidade, como consecuencia precisamente do programa ConCiencia. O Nobel de Física en 2007 é o primeiro convidado na quinta edición desta iniciativa de divulgación científica.

O científico francés acadou o Nobel polo descubrimento da magnetorresistencia xigante, un fenómeno que deu lugar a unha revolución no eido do rexistro e acceso á información. O seu achado, unha das principais aplicacións reais do emerxente campo da nanotecnoloxía, está presente nos ordenadores portátiles, reprodutores musicais e, en xeral, en moita da electrónica de consumo que usamos actualmente.

O profesor Fert, da Universidade París-Sur, ofrecerá este xoves 29, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), a conferencia O mundo da espintrónica: electróns, espíns, computadoras e teléfonos que, aberta a todo o público, disporá de tradución simultánea.

Xa o venres 30, Albert Fert reunirase ás 10:30 horas, no Centro de Estudos Avanzados, cos principais líderes españois no eido da chamada espíntrónica. Este cumio científico, denominado Spaintronics, contará ademais coa participación do tecido investigador galego.

Compartir: