BENESTAR SOCIAL

O Concello recolle no CD "A voz dos maiores" lembranzas e testemuñas dos nosos anciáns

30/11/2005 Conservar e transmitir a testemuña oral dos nosos maiores, as súas lembranzas transmitidas oralmente por eles mesmo, é o propósito do CD "A voz dos maiores" que edita a concellería de Benestar Social do Concello de Santiago.

O traballo, realizado por Encarna Álvarez Gallego, é froito dun obradoiro realizado nos centros socioculturais do municipio e no que participaron máis de 30 persoas. En diferentes sesións foron recolléndose longas conversas onde homes e mulleres da terceira idade rememoran as principais vicisitudes das súas vidas.

Ao igual que as estacións do ano, " A voz dos maiores" discurre en catro tempos: nenez, mocidade, adultez e vellez, incorporando unha breve presentación do alcalde e da autora do traballo.

O Concello editou un total de 3.000 exemplares deste documento sonoro que a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, na súa presentación calificou de "emocionado e emocionante" e na que se reflicte como os nosos maiores teñen moito que aportar.

"A Voz dos maiores" comezará a distribuirse gratuitamente no primeiro dos actos que se desenvolverán con motivo da celebración do 20 aniversario da designación de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade, o xoves, 1 de decembro, a partir das 17.00 horas no Hostal dos Reis Católicos.

Nesta recepción cidadá están convidados os maiores da nosa cidade, xa que, como sinala a invitación cursada polo alcalde, Sánchez Bugallo, "este recoñecemento foi posíbel porque composteláns coma vós, veciños da cidade histórica, mantiveron vivo e fermoso, co seus coidados e cariño, o noso máis prezado tesouro: a cidade histórica. Foron, fustes, os artífices e protagonistas deste título que situou a nosa cidade entre as máis estimadas e recoñecidas do mundo, polo seu patrimonio histórico e monumental"

A portada e a contraportada do CD foron deseñadas a partir de dous collages realizados por Encarna Álvarez.

Compartir: