TURISMO

O Consello de Administración de Incolsa aproba a formulación das contas do ano 2009

31/03/2010 O Consello de Administración de Incolsa aprobou a formulación das contas relativas ao ano 2009. As contas reflicten a situación económica da empresa a 31 de decembro de 2009. Nesta data, Incolsa tiña unha conta de resultados negativa de 484.536 euros, debido a que gran parte dos seus ingresos proceden de convenios asinados con entidades públicas, que aínda non foran ingresados a 31 de decembro, toda vez que a Lei de subvencións fai que antes de recibir os correspondentes ingresos, se teñan que pagar as facturas por parte de Incolsa e, en xeral, por parte de calquera entidade subvencionada.

Estes convenios, asinados formalmente no ano 2009, están actualmente en tramitación de cobro xa que as facturas correspondentes foron pagadas por Incolsa, seguindo os procedementos da Lei de subvencións. A non contabilización como ingreso destas subvencións no 2009, seguindo o principio de prudencia, reduciu os ingresos estimados de Incolsa para o pasado exercicio nun importe de 565.000 euros, o que explica esta situación de desequilibrio temporal.

O cobro dos convenios que están en trámite son os seguintes: Deputación da Coruña, por un importe de 350.000 euros; Consorcio de Santiago, 175.000 euros; e a Cámara de Comercio, 40.000 euros. Tendo en conta que están en proceso de tramitación, prevese ingresar estas cantidades antes da aprobación das contas da empresa municipal pola Xunta Xeral de Accionistas o vindeiro 27 de maio.

Compartir: