CENTROS SOCIOCULTURAIS

Vinte e nove propostas musicais concorreron á nova edición de "Revelando Voces"

31/03/2010 Un total de 29 propostas musicais de grupos compostelás concorreron ao programa Revelando Voces, promovido pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais. Este ano é a primeira vez que se realiza a convocatoria en réxime aberto.

A variedade de estilos musicais e a calidade das 29 formacións que formularon a súa candidatura para optar a algunha das sete prazas que permitirán participar nun ciclo de 13 de concertos de pequeno formato na Rede de Centros Socioculturais obrigou á Comisión Avaliadora, formada por técnicos da Rede de Centros, a extremar as deliberacións para realizar a escolma definitiva. Atendendo aos estilos musicais nos que se encadran, as formacións distribuíronse do seguinte xeito: 6 cantautores; 9 agrupacións de rock; 2 de rap; 3 de folk; 3 dentro de música pop e electrónica; 1 de música clásica e 5 de jazz.

Á hora de seleccionar os sete grupos a convidar tivéronse en conta, ademais da calidade das propostas, criterios coma que as intervencións fosen as máis axeitadas para os espazos en que van ter lugar os concertos: o Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, o CSC José Saramago de Vite, o CSC das Fontiñas, o CSC Agustín Bueno do Castiñeiriño, o CSC de Amio e o CSC Aurelio Aguirre de Conxo.

Como resultado desta selección os grupos escollidos pola Comisión Avaliadora foron os seguintes:

Liridade Noctámbula(cantautores, swing, folc, blues)
Lemaniot (jazz vocal)
Brandelia (folk alternativo)
Mordecáns (bravú, pachanga)
Pi Graos (jazz latino-progresivo)
La Edad Prohibida (pop)
Jamila Purofilin (música nova troba cubana, boleros e música hispano americana)

Ademais, a Comisión acordou tamén propoñerlle á Concellaría estudar a posibilidade de organizar un programa especial no que participen tres das bandas de rock que concorreron a Revelando Voces e destacaron pola súa calidade e características sonoras: Tapiporla, Dogma 1 e Royalties.

Despois desta selección, os responsables municipais
poñeranse en contacto coas formacións para sinalar espazos e datas de actuación. Contarán co soporte dun equipamento de sonorización e iluminación axeitado para materializar este Revelando Voces 2010.

O certame pretende achegar un ano máis aos centros socioculturais de Compostela sons de diferentes formacións locais, buscando novos públicos e nova proxección para estes intérpretes. Trátase, en resumo, dun programa cunha "filosofía de proximidade" que tenta "contribuír a crear un circuíto nos centros socioculturais" e á promoción dos artistas máis novos.

Dotado cun orzamento de 25.000 euros, o programa Revelando Voces garántelles aos grupos seleccionados a realización dun total de 13 actuacións.

Compartir: