ALCALDÍA

Sánchez Bugallo inaugura en Bruxelas unha exposición conmemorativa dos dez anos do Eixo Atlántico

30/11/2005 O alcalde compostelán e presidente do Eixo Atlántico, Xosé Sánchez Bugallo asistiu en Bruxelas na tarde do martes 29 de novembro á inauguración da exposición "Galicia, Norte de Portugal: unha Eurorrexión", na sede da Comisión Europea Berlaimont.

Tras unha reunión con deputados da delegación socialista española no Parlamento Europeo e unha entrevista con Josep Borrell, presidente do Parlamento Europeo, á que asistiu xunto ao Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, o presidente do Eixo Atlántico e alcalde compostelán inaugurou, xunto ao Touriño, a exposición "Galicia, Norte de Portugal: unha Eurorrexión", na sede da Comisión Europea Berlaimont. Xunto a el interviñeron o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño e o vicepresidente da CCDRN (Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal), o profesor Paulo Jorge Mota. Ao acto asistiu así mesmo o Presidente do Parlamento Europeo, Josep Borrell.

Esta exposición é a primeira que se realiza no ámbito da UE e recolle a historia da Eurorrexión, así como a das súas principias institucións: a Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal e o Eixo Atlántico. Ademais, ofrece información gráfica sobre diferentes aspectos da Eurorrexión, desde os primeiros acercamentos en tempos do Imperio romano ata os actuais lazos de unión establecidos a través de institucións como o Eixo e a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

Desde hai dous anos, a mostra percorreu case a totalidade das cidades que conforman o Eixo Atlántico, e recala agora en Bruxelas, principal sede das institucións europeas. Trátase, en opinión de Bugallo, de "facer unha reflexión sobre o acontecido en Europa ao longo dos últimos anos" dun territorio que foi "unha mesma unidade política durante moitos séculos".

Segundo explicou o presidente do Eixo, a mostra conmemora os dez anos de vida do Eixo Atlántico, que integran nove cidades galegas e outras nove do norte de Portugal.
Durante a presentación da exposición, o alcalde compostelán e presidente do Eixo resaltou a importancia de que a Unión Europea fixese que desaparecera unha "fronteira artificial" entre Galicia e o norte de Portugal, conformadas por unha estrutura territorial con notábeis similitudes.

O nacemento do Eixo, aos seis anos da integración na UE de España e Portugal no ano 1992, supuxo, entre outras cousas, "a posibilidade de traballar xuntos" Galicia e o Norte de Portugal, o que impulsou a iniciativa privada, no sector turístico sobre todo, e a deslocalización de empresas, así como o nacemento diversos procesos produtivos a un e outro lado da fronteira.

Bugallo fixo un breve percorrido pola historia do Eixo, que comezou co deseño conxunto dun plan Estratéxico que integraba un plan de infraestruturas recoñecido case na súa totalidade actualmente, explicou. As dezaoito cidades do Eixo, catro delas Patrimonio da Humanidade, agrupan en conxunto aproximadamente ao 50% da poboación da Eurorrexión. A experiencia compartida é un dos principais valores desta historia en común, como se pode comprobar en moitas das súas experiencias: durante a cal as dezaoito cidades do Eixo acolléronse a programas europeos para a rehabilitación dos seus cascos históricos e elaboraron Axendas 21 con equipos similares.

A convicción común do Eixo é que os problemas se resolven indo "cara adiante", indo "a máis Europa", destacou Bugallo, pois existe a vontade de traballar conxuntamente e cooperar "no marco da Unión Europea e pola Unión Europea".

O Eixo Atlántico.

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular constitúe unha asociación transfronteiriza integrada polas dezaoito principais cidades que configuran o sistema urbano da eurorexión Norte de Portugal-Galicia. Esta asociación determina un espazo rexional interestatal cunha filosofía que segue as orientacións da Unión Europea, fundamentalmente no que se refire á desaparición das fronteiras que afectan ou dificultan a libre circulación de persoas, capitais, mercadorías e servizos.

Este espazo rexional integra as seguintes cidades: A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vigo, Porto, Braga, Bragança, Chaves, Viana do Castelo, Vila Real, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Guimarâes, Peso da Régua e Vila Nova de Gaia. Estas cidades pretenden ser os auténticos motores do desenvolvemento do espazo rexional en que se insiren, e caracterízanse por teren similares realidades socioeconómicas e culturais.

Compartir: