CONSORCIO

O Consorcio publica o mellor estudo da obra do arquitecto Fernando de Casas en Santiago

30/03/2010 A tese sobre a obra arquitectónica de Fernando de Casas en Compostela coa que Alberto Fernández doutorouse pola Universidade de Santiago é o xerme do libro que presentaron o Consorcio de Santiago e Nigratrea. Fernando de Casas. Arquitecto en Compostela é o principal estudo escrito ata agora sobre a actividade artística deste xenial arquitecto na cidade de Santiago, onde desenvolveu o groso da súa obra.

O libro ábrese cunha biografía de Fernando de Casas e continúa cun apartado sobre as intervencións realizadas na catedral de Santiago, debido á súa condición de mestre de obras do Cabildo, entre as que destacan a capela do Pilar, o retablo da Virxe da Azucena ou o coñecido como "esconce de Platerías".

Capítulo aparte merece a súa intervención na fachada oeste da Catedral, a do Obradoiro, obra que se convertería na icona universal da basílica xacobea. Alberto Fernández analiza a historia construtiva da fachada, o seu estilo, natureza, diagramas de harmonización, fontes de referencia e, finalmente, o significado último da súa arquitectura, obra mestra do barroco.

Outro capítulo repasa o traballo de Fernando de Casas nos conventos de Belvís, San Paio, e, especialmente, San Martiño Pinario, do que foi mestre de obras e onde deseñou, entre outras obras, os seus monumentais retablos. O último apartado detense noutras obras urbanas, como a Casa da Conga, o Colexio das Orfas ou a capela da Orde Terceira de San Francisco. O libro complétase cunha ampla selección de fotografías e un apéndice documental.

O autor
Alberto Fernández González é profesor do departamento de Historia da Arte da Universidade de Sevilla dende 2006. Doutor en historia da arte pola Universidade de Santiago, é tamén premio fin de carreira de Galicia, premio extraordinario de licenciatura e premio extraordinario de doutorado. A súa liña preferente de investigación está orientada cara a arquitectura barroca, tanto galega como sevillana, campo no que ten diversos traballos publicados.

A súa nova publicación foi presentada nun acto celebrado na sala capitular da Catedral e presidido polo alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo. Tamén participaron o xerente da entidade, Xosé Manuel Villanueva; o autor, Alberto Fernández González; o deán e arquiveiro bibliotecario da Catedral, José María Díaz Fernández; o catedrático de Historia da Arte da USC Andrés Rosende Valdés; e o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde Roa.

Compartir: