SERVIZOS

O Concello reforza o servizo de limpeza diaria durante o Ano Xacobeo

30/03/2010 Do 1 de abril ao 8 de novembro reforzarase o servizo de limpeza diaria da cidade para atender o incremento de visitantes neste período. Así se acordou na Xunta de Goberno, de tal xeito que a empresa concesionaria, Urbaser, operará nestes meses centrais do Ano Santo con dúas brigadas máis.

A concelleira de Servizos, Marta Álvarez-Santullano, explicou que estas dúas brigadas estarán compostas, cada unha delas, por un condutor e catro peóns. Un dos equipos traballará de martes a domingo e o outro de luns a sábado. Encargaranse da limpeza dos Camiños, da Cidade Histórica, do Ensanche e daqueles espazos nos que se celebren actividades no marco deste Xacobeo.

O custo deste reforzo do servizo é de 245.591 euros. Segundo indicou a concelleira, este incremento de medios persoais e materiais dará suficiente resposta ás necesidades derivadas do incremento de visitantes neste Ano Xubilar.

Actualización do contrato
Precisamente tamén en relación ao servizo de limpeza, outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a revisión de prezos do contrato do servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria en Santiago. Aplicando o IPC interanual de decembro de 2008 a decembro de 2009, do 0,80%, estableceuse o canon anual para o ano 2010 en 7.566.260 euros.

Compartir: