MEDIO AMBIENTE

Adxudicada a última fase do proxecto de saneamento da conca do Aríns

30/03/2010 A Xunta de Goberno adxudicou as obras da terceira e última fase da rede de colectores da conca do río Aríns. Un investimento de 150.000 euros permitirá completar a rede con 900 metros de colectores secundarios.

Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, o Concello executará esta última fase, que permitirá dar servizo aos núcleos de Sanxuás (Aríns), A Susana (Marrocos) e Piñeiro e Veiga (O Eixo). Rematadas estas obras, a rede de colectores e a estación depuradora darán servizo a 4.000 veciños actuais das parroquias de Aríns, Marrozos, Eixo (Santa Lucía), Bando, San Pedro de Sar e Lamas de Abade. Non obstante, as súa capacidade é para atender a 16.000 habitantes.

Recordou Cienfuegos que esta actuación comezara en 2004 e que supuxo un investimento de 10 millóns de euros, en parte procedente de fondos europeos. A Xunta de Galicia encargouse da construción dos colectores xerais dos ríos Aríns e Peiras e da estación depuradora de augas residuais, mentres que o Concello executou os colectores secundarios, investindo máis de 4 millóns de euros (80% con fondos europeos).

Compartir: