SANIDADE

Remata o prazo para inscribirse nos cursos do refuxio de animais de Bando

22/11/2005 Mañá mércores, 23 de novembro, remata o prazo de inscrición nos cursos de formación gratuitos que organiza a Concellaría de Sanidade destinados aos propietarios de mascotas que desexen obter coñecementos e consellos para unha axeitada educación das mesmas. Inicialmente ofreceranse dúas sesións, o domingo 27 de novembro e o sábado 17 de decembro, en horario matutino de 10 a 13 horas, e impartiranse nas instalacións do Refuxio de Bando.

O Refuxio Municipal de Animais de Bando ten entre os seus obxectivos a prevención do abandono de animais de compañía, a promoción de boas prácticas en relación con eles e o fomento de adopcións responsábeis. Na idea de promover unha boa relación entre as persoas e os animais de compañía a Concellaría de Sanidade desenvolve actividades formativas dirixidas ás persoas que adoptan ou posúen cans, dentro das cales se inclúen as sesións introdutorias ao coñecemento e á educación canina que agora se realizarán.

O obxectivo destas sesións é fornecer información acerca dos aspectos relacionados co coidado dos animais e coa convivencia destes nun contorno humano e están dirixidas a todas as persoas que convivan cun can ou teñan previsto adoptalo, ben do Refuxio ou doutra procedencia.

A primeira sesión celebrarase o domingo 27 de novembro e nela falarase das fases da vida do can, da correcta elección do cachorro e o seu comportamento, do control das necesidades fisiolóxicas, do seu aseo e do proceso de socialización (relación cos nenos, viaxes, etc). Este curso será impartido por Miguel Alonso Calvo, adestrador canino e coordinador técnico da Comisión de Expertos para o Adestramento de Cans da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

A segunda sesión será o sábado 17 de decembro e trataranse os seguintes temas: coñecemento do animal (razas e carácter); o proceso e métodos de aprendizaxe; saúde, hixiene e coidado dos cans e problemas dos cans nas cidades. O curso será impartido por María Sabell Sierra, especialista en conduta animal.

A participación nas sesións formativas é gratuíta e é preciso inscribirse no rexistro do Concello ata mañá, 23 de novembro, para a primeira sesión e ata o 13 de decembro para a segunda sesión. En cada sesión admitiranse 25 participantes que se seleccionarán pola orde de inscrición. A primeiro dos cursos resérvase a voluntarios/as do Refuxio e a adoptantes do Refuxio, e completarase con outros solicitantes ata cubrir o número total de prazas dispoñíbeis.

Compartir: