ALCALDÍA

Nova fórmula con aprazamento do pago nos concursos para a adquisición de terreos destinados a vivenda protexida

26/02/2010 A Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa) porá en marcha na primeira quincena de marzo unha nova fórmula no concurso para adquisición de varios lotes de terreos destinados á construción dunhas 600 vivendas protexidas. Así o anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen resaltou que esta medida pretende facilitar a compra destes solares en tempos nos que as empresas teñen dificultades para acceder ao crédito.

A fórmula, apuntou o rexedor municipal, consiste na concesión dun aprazamento no pago, de tal xeito que o comprador do terreo satisfará o 20% do importe inicialmente, mentres que o restante 80% poderao pagar no prazo dun ano, prorrogable a 18 meses. "Isto vai dirixido sobre todo a pequenas empresas e cooperativas que non teñen tesourería e atopan dificultades para acceder a créditos; así unha vez teñan o solar adquirido, non terá problemas para o crédito", dixo.

Destacou Sánchez Bugallo o feito de que os diferentes lotes de terreos estean destinados a vivenda protexida, continuando coa aposta municipal neste campo. Segundo manifestou, é esta liña de traballo en prol da vivenda pública a que permitiu que Santiago tivera un comportamento positivo e diferente do doutras cidades galegas en 2009 na concesión de licenzas malia a crise do sector inmobiliario, á vista dos datos sobre visado de vivendas feitos públicos polo Colexio de Arquitectos de Galicia

Compartir: