PLENO

Rúas na cidade para Agustín Sixto Seco e José Luis Sánchez-Agustino

25/02/2010 O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade a proposta do alcalde de darlle a dúas rúas da cidade os nomes de Agustín Sixto Seco e José Luis Sánchez-Agustino López.

Agustín Sixto Seco, nado en Mugardos no ano 1928, faleceu en Santiago en 2004. Establecérase moi novo na cidade, onde estudou e exerceu a carreira de Medicina e dirixiu o centro hospitalario La Rosaleda. O seu compromiso coa vida social, profesional e cultural compostelá e galega foi notable, participando en todo tipo de iniciativas, como a Sociedade Recreativa Compostelá, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Camilo José Cela, a Fundación Otero Pedraio, o Centro Ramón Piñeiro ou o Consello da Cultura Galega, do que foi secretario.

Como profesional da Medicina, desenvolveu unha importante actividade, chegando a presidir a Sociedade Española de Traumatoloxía, a súa especialidade médica, e colaborando activamente con institucións de nomeado prestixio, como o International College of Surgeons ou a Sociedade Latinoamericana de Ortopedia. Recibiu en vida os seguintes recoñecementos: Premio Nacional de Ortopedia, membro da Real Academia Galega e socio honorario e medalla de ouro do Centro Galego de Bos Aires. A título póstumo foille outorgado o Premio Trasalba, concedido pola Fundación Otero Pedrayo e a Medalla de Ouro de Galicia.

José Luis Sánchez-Agustino López, nado en Vilagarcía de Arousa en 1930, faleceu en Santiago neste ano 2010. Compostela foi a súa localidade de adopción e aquí rematou os seus estudos de Dereito e completou posteriormente unha Licenciatura en Xeografía e Historia. Foi presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla dende a súa creación e ata o seu falecemento.

Deu os seus primeiros pasos profesionais como avogado en Madrid, onde fundou o Club Arosa Bay, lugar de encontro dos arousáns e galegos na capital. Aquí está o xerme do que logo será a Ruta Xacobea de translación do Apóstolo. En 1965 inaugúrase oficialmente este itinerario relixioso e cultural coa celebración do primeiro remonte marítimo. Na actualidade, o seu Padroado está formado por 22 concellos.

Foi subdirector e secretario xeral da Caixa de Aforros e Monte da Piedade de Santiago e xefe da Obra Social e Cultural. Moi vinculado á cultura como director da Aula de Cultura da mesma Caixa en Santiago, é responsable dos seus ciclos de música clásica, pintura, teatro e cine. Tamén foi membro do Padroado Rosalía de castro e da Asociación Internacional de Medievalistas e Amigos do Camiño de Santiago, coordinando o seu congreso mundial. Igualmente, participou no Instituto de Estudos Políticos.

No ano 1999 recibiu a Medalla de Galicia. Foi merecedor doutras distincións, coma o distintivo de ouro da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, a insignia de ouro de Fillos de Padrón, a insignia de ouro do concello de Vilagarcía, a insignia de ouro da Universidade de Santiago e o centolo de ouro do Concello do Grove.

Medallas policiais
Por outra parte, o Pleno aprobou tamén a concesión das medallas do Corpo da Policía Local ao inspector Ramón Cobas Prieto e ao xefe provincial de Tráfico da Coruña, Pedro José Pastor del Castillo. Estas medallas entregaranse o 6 de marzo con motivo do Patrón da Policía Local, o Santo Anxo da Garda, e recoñecen o labor de integrantes deste Corpo e doutras institucións que teñen destacado pola súa conduta exemplar durante a súa vida profesional.

Ramón Cobas Prieto, inspector da Policía Local de Santiago, ingresou neste Corpo o 14 de maio de 1984, ascendendo a Oficial e tomando posesión o 16 de febreiro de 1988. Ascendeu a inspector e tomou posesión do cargo o 2 de xaneiro de 1990. Xubilouse o 25 de novembro de 2009.

Pedro José Pastor del Castillo dirixe a Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña.

Compartir: