TURISMO

Santiago consolídase como capital gastronómica do arco atlántico

25/02/2010 "O Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico, é o mellor exemplo do modelo de colaboración entres as diferentes administracións públicas e o sector privado para conseguir obxectivos ambiciosos que posicionen a Santiago e Galicia como destinos turísticos de dimensión internacional", dixo o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, na rolda de prensa de valoración do Fórum Gastronómico, na que estivo acompañado de Pep Palau e Jaume von Arend, directores do evento, que calificaron dun "éxito rotundo".

Nesta edición do Fórum Gastronómico produciuse un salto cualitativo respecto da edición do 2008, coa introdución do concepto Fórum Cidade, no que se deseñou unha serie de actividades gastronómicas que se desenvolveron en diferentes lugares emblemáticos da cidade, como o Hostal dos Reis Católicos, o Mercado de Abastos ou o Museo do Pobo Galego. Ademais, entre o 21 e o 24 de febreiro, tiveron lugar a feira e o congreso, onde ás actividades da propia organización sumáronse múltiples accións deseñadas por expositores, como as que levaron a cabo as Consellerías de Medio Rural e de Pesca no seu stand conxunto.

O recinto feiral de Amio recibíu a máis de 17.000 persoas nos catro días de actividade congresual e feiral. Estas persoas, cunha importante representación de colectivos profesionais vinculados á gastronomía, procedían non só de Santiago ou Galicia, senón que tamén houbo unha presenza importante de persoas chegadas de Portugal e outras zonas do Estado.

A estas persoas hai que sumar ás que participaron nalgunha das actividades paralelas ao Fórum Gastronómico, como o Fórum Cidade, celebrado o día 20 de febreiro; a Novena Gastronómican na noite do domingo 21; a exposición "Ao pé do lar, Memorias da Cociña"; ou o Fórum Tapas, entre o 17 e o 24. Unha cifra que se pode situar por riba das 15.000 persoas.

Ademais, o Fórum Gastronómico tivo unha gran repercusión en medios de comunicación, con reportaxes nos principais programas informativos de cadeas de televisión estatal e galega, con noticias publicadas en moitos medios estatais e internacionais e cunha ampla cobertura nos "bloggers" gastronómicos.

17.000 visitantes
Máis de 17.000 persoas visitaron o Fórum Gastronómico no recinto feiral de Amio entre o 21 e o 24 de febreiro. Isto supón unha media superior ás 4.000 persoas diarias. No ano 2008 o Fórum Gastronómico celebrouse no Pazo de Congresos, un espazo con menor tamaño. Naquela primera edición do evento en Santiago, que tivo un día máis de duración, o número de visitantes foi de 15.000, cunha media de 3.000 persoas ao día.

Cabe destacar a asistencia ao Fórum Gastronómico de multitude de profesionais dos sectores vinculados á gastronomía: produción, distribución, equipamento, cociña, etc. Os asistentes procedían de toda Galicia, e houbo tamén un número relevante de persoas chegadas de Portugal e outras zonas de España.

Entre o luns 22 e o mércores 24, o Fórum Gastronómico estivo dedicado a profesionais. Nas actividades dos obradoiros, espazos reducidos onde se fixeron múltiples actividades, participaron 1.800 persoas. No auditorio, cunha capacidade maior, asistiron ás demostracións dos cociñeiros e aos diálogos máis de 5.000 persoas. No Ateneo, onde entre outras actividades tivo lugar o mercado do viño, participaron 700 persoas.

O domingo 20 de febreiro estivo dedicado ao público xeral, amante da gastronomía. Nos obradoiros participaron máis de 800 persoas e no auditorio máis de 1.800. Neste domingo tamén participaron 120 rapaces nos diferentes obradoiros gastronómicos para nenos.

Fórum Cidade
O Fórum Gastronómico do 2010 reservou o sábado 20 de febreiro para desenvolver múltiples actvidades en espazos emblemáticos da cidade, como Catas con Maridaxe, Mercos e Cociño, Obradoiros gastronómicos para nenos, o II Concurso de Pulpeiras, o I Concurso de Cociña Familar organizado polo Corte Inglés, a Cea ás Cegas ou a subasta de Arte e Viño no Hostal dos Reis Católicos. Nestas actividades do sábado cubríronse as prazas dispoñibles e o Concurso de Pulpeiras, aberto ao público, levantou gran expectación no Mercado de Abastos. O número de participantes aproximado foi de 3.000 persoas.

Exposición Ao pé do lar
As actividades vinculadas ao Fórum Gastronómico comezaron o 5 de febreiro, coa apertura de "Ao pé do lar, memorías da cociña", unha exposición na que se recollen 2.000 anos de historia de gastronomía galega e que está patrocinada por Galicia Calidade e conta coa colaboración da Fundación Caixa Galicia. A exposición poderase visitar ata o día 7 de marzo no Museo do Pobo Galego. Entre o 5 e o 21 de febreiro vistaron a exposición máis de 5.000 persoas.

Novena Gastronómica
Na noite do domingo 21 de febreiro tivo lugar unha innovadora actividade chamada Novena Gastronómica, na que os cociñeiros do Grupo Nove ofreceron tapas elaboradas por eles en bares e tascas tradicionais da cidade, nun xogo no que se mezclaban a modernidade e a tradición dun modo harmónico. Esta actividade desbordou amplamente as expectativas. Pese a que ese domingo choveu dun xeito importante na cidade, consumíronse todas as tapas que elaboraron os cociñerios do Grupo Nove, antes incluso do horario fixado para servir estas tapas. En apenas dúas horas, consumíronse 3.150 tapas.

Fórum Tapas
Entre o 17 e o 24 de febreiro celebrouse o Fórum Tapas, onde quince establecementos da cidade ofrecían a súa Tapa Fórum, creada especificamente para esta actividade. O Fórum Tapas incluía unha premio á mellor tapa, concedido por un xurado especializado. O premio foi para o restaurante "O Catro", ubicado na Porta do Camiño. En conxunto, consumíronse máis de 4.000 tapas, sen contabilizar aínda os datos do último día, 24 de febreiro.

Concurso Galego de Cociña Familiar
Dentro do marco do Fórum Gastronómico, El Corte Inglés, organizou o primeiro Concurso Galego de Cociña Familiar, no que se abríu unha oportunidade para moitos amantes da gastronomía non profesionais. O Concurso organizouse a nivel galego, cunha ampla comunicación nos propios establecementos de Santiago, Vigo e A Coruña. A comezos de febreiro celebráronse tres semifinais, Santiago, A Coruña e Vigo. O día 20 celebrouse en Santiago e foi seguida en directo por multitude de persoas que estaban comprando nese centro comercial. En total, presentáronse 101 receitas.

Xornalistas
O Fórum Gastronómico levantou grande expectación nos medios de comunicación, galegos, españois e mesmo internacionais. A rolda de prensa de Ferrán Adrià foi o momento que maior cobertura tivo polos medios de comunicación. Pero non escureceu ao resto do Fórum, xa que as diferentes actividades foron cubertas dun xeito amplo e coidado. En total, acreditáronse máis de 200 xornalistas ao evento.

Compartir: