ALCALDÍA

A reurbanización de Rosalía de Castro daralle harmonía e un tratamento integral a un tramo de 1.600 metros

25/02/2010 Da reurbanización dos accesos á cidade vaise beneficiar tamén a rúa Rosalía de Castro, no tramo dende Romero Donallo ata Volta do Castro. O 18 de marzo está previsto que comecen as obras neste vieiro, presupostadas en 3.973.000 euros, co obxectivo de que poidan estar rematadas a finais de 2010 ou principios do 2011.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou publicamente este proxecto, acompañado do concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, e un día despois de explicarllo aos veciños. Resaltou que estas obras suporán transformar unha estrada nunha avenida urbana, a cal se "harmonizará e se lle dará un tratamento integral".

Son 1.600 metros dun tramo que na actualidade encerra anchuras variables e problemas nas rasantes. Tras a intervención, quedarán rúas dun ancho medio de 3,5 metros, indicou Sánchez Bugallo, se ben o tratamento dependerá das zonas. En total serán 14.000 metros cadrados de beirarrúas. Nos tramos onde a anchura o permita, colocarase arborado, con 81 novas unidades previstas.

As obras permitirán mesmo gañar espazo de aparcamento, pero producirase unha redución de prazas, xa que se prohibirá o estacionamento en batería, "co fin de gañar espazo para as beirarrúas e por seguridade", dixo. Tamén se aproveitará para renovar as redes de saneamento e abastecemento, e para soterrar todas as instalacións eléctricas e de telecomunicacións.

Instalaranse catro unidades de contedores soterrados, que se concentrarán nos primeiros 800 metros da rúa. A nova iluminación, cun tratamento plenamente urbano, será outro dos aspectos salientables da intervención. Finalmente, aproveitarase para reordenar as paradas de autobús e as zonas de carga e descarga.

As obras comezarán dende o ponte da Rocha en dirección cara a cidade e traballarase primeiro nos laterais e logo polo centro. Malia que o prazo previsto no proxecto son 14 meses, o alcalde indicou que a intención é rematalas en nove meses. Así llo explicou tamén na xornada anterior aos veciños, aos que encomendou a formación dunha comisión de seguimento das obras que sirva de interlocutora á hora de transmitir as súas demandas e queixas.

Compartir: