ALCALDÍA

Marcial Villamor xa ten a súa praza en Santiago de Compostela

30/01/2010 A carón da rúa do Olvido nace unha nova praza que levará para sempre o nome de Marcial Villamor Varela. Así será tras a inauguración deste espazo durante unha sentida homenaxe a este ilustre veciño de Compostela no lugar onde el vivira.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto, no que tamén interviron a concelleira de Cidade Histórica, Olga Pedreira, e amigos e familiares. Ali, na nova praza, descubriuse unha placa que plasma o recoñecemento da cidade de Santiago a Marcial Villamor.

Antes proxectouse o vídeo Olvido 18, título alusivo ao domicilio do homenaxeado e un documento sobre a súa vida e traxectoria. Unhas horas antes, no Colexio A Inmaculada, o historiador Dionisio Pereira impartiu unha charla coloquio co título Marcial Villamor e José Villaverde, aqueles sindicalistas do Olvido e do Pexego.

Nado en Toques en 1899, Marcial Villamor trasladárase moi novo a Santiago de Compostela, onde residiu e desenvolveu o seu traballo de ebanista e a súa acción sindical. Foi, claramente, fillo do seu tempo, e irmán da ata entón mellor xeración de españois á cal o atrevemento de soñar coa liberdade lle custou a gran dor de serlle imposto o xugo pola forza. Foi un dos promotores e membro destacado do Ateneo Literario compostelán que chegou a ter o seu enderezo a efectos de notificación no seu domicilio particular, no número 18 da rúa do Olvido.

Xa con anterioridade á proclamación da República, Marcial Villamor fora membro da Confederación Regional Galaica da CNT, representando ao Sindicato de Carpinteros y Similares de Santiago no pleno rexional celebrado na Coruña en 1930.

O 10 de outubro de 1934 foi detido cando tiña no seu poder follas de propaganda a favor da amnistía aos presos políticos de esquerda e foi condenado a seis meses de prisión. No período que pasa na cadea comezou a colaborar co semanario esquerdista de amplo espectro Ser. Unha vez rematada a súa condena participou na preparación da convocatoria electoral do 1936.

Foi detido e ordeouse o seu traslado á capital galega. Durante a viaxe, no municipio de Guntín, foi asasinado dun disparo na cabeza.

Compartir: