ALCALDÍA

As renovadas rúas Vilagarcía, García Prieto e Sánchez Freire mudan a imaxe urbana do barrio de Conxo

29/01/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o renovado tramo que comprende a avenida de Vilagarcía e as rúas García Prieto e Sánchez Freire, no barrio de Conxo, grazas a unha actuación financiada polos Fondos Estatais de Inversión Local (FEIL). Estas obras supuxeron unha substancial mellora da calidade urbana desta vía, entre Romero Donallo e a rotonda de Conxo, que conta agora con amplas beirarrúas, zonas verdes e mesmo dúas pequenas prazas.

Un dos aspectos máis salientables desta actuación foi a harmonización do conxunto do trazado, dun quilómetro de longo aproximadamente, que ata agora contaba con tramos de diferentes anchuras. A reurbanización implicou tamén a subtitución de canalizacións, saneamento, pavimento, mobiliario urbano e servizos; en definitiva, unha renovación integral destas tres rúas.

A anchura mínima do carril é de 3,5 metros, con amplas beirarrúas a carón dun mínimo de dous metros a ambos lados. En total, os cidadáns teñen agora á súa disposición 7.709 metros cadrados de beirarrúas dun total de 13.919 metros cadrados de superficie urbanizada.

Para facilitar o funcionamento dos comercios, habilitáronse ata catro áreas de carga e descarga. Fóra do horario, estas prazas únense ás outras prazas de aparcadoiro creadas, en total preto de 100. En conxunto, son 1.230 metros cadrados de banda de aparcamento.

Outras novidades a salientar son as dúas praciñas creadas, os farois na marxe esquerda e os puntos de luz á dereita, ou os 15 bancos. Para a recollida do lixo instaláronse tres illas de cinco colectores soterrados cada unha. Tamén se estableceron distintos tipos de áreas verdes, con unidades de plátanos, tileiros e sebes.

Cómpre recordar tamén que, aproveitando estas obras de reurbanización e atendendo ás demandas dos veciños e á saturación do tráfico na rúa Romero Donallo, modificouse o sentido da circulación na avenida de Vilagarcía –no tramo dende Romero Donallo a García Prieto-, e nas rúas García Prieto e Sánchez Freire. O sentido é agora único en dirección a Conxo. Os tres enlaces coa avenida de Ferrol e outros tantos con Cornes facilitan os xiros. Esta actuación supuxo un investimento de case 1,5 millóns de euros

Compartir: