ALCALDÍA

Preocupación de Sánchez Bugallo pola actuación violenta de determinados grupos organizados

29/01/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa preocupación "pola actuación de determinados grupos organizados", en referencia ao atentado contra o catedrático e articulista Roberto Blanco Valdés, que se une ao recente ataque a dous vehículos da Policía Local. Pediu ás forzas de seguridade, e así llo solicitará tamén ao ministro do Interior que "aborten este problema, antes de que se converta nun problema de gran calado".

Sánchez Bugallo apuntou que este é un problema que xa vén de atrás. "Primeiro foron cambios no nome dunha praza, pintadas, secuestro dunha revista ou tapiar o despacho de Roberto Blanco Valdés, e logo pasaron a outras cousas, como os atentados contra os camións da Cidade da Cultura, as grúas das obras do AVE, a maquinaria da autovía de Brión ou a sede da empresa Puentes en Sigüeiro", relatou. A convicción do alcalde, que segue mantendo, é que estes grupos están organizados dende hai varios anos e que os seus integrantes trasladaron fóra de Santiago o seu domicilio por sentirse aquí controlados.

Insistiu na necesidade de "atallar" este problema, porque "non me estrañaría que dispuxeran da infraestrutura necesaria para un atentado máis severo". "Ata onde eu sei –dixo- a súa estratexia é a de atentados sen vítimas, ao menos a curto prazo", pero recordou que se poden producir aínda que non sexan o obxectivo directo. Por iso, reiterou a necesidade de que as forzas de seguridade españolas, que definiu como unhas das mellores do mundo, se ocupen deste asunto.

Compartir: