ALCALDÍA

O alcalde reitera a vontade do Concello de traballar coa Xunta polo éxito do Xacobeo

29/01/2010 Un día despois que o Pleno manifestara, a través dunha declaración unánime, "a disposición a colaborar con todas as institucións públicas" para lograr o éxito do Xacobeo 2010, o alcalde reiterou en rolda de prensa esta vontade. "Queremos contribuír ao éxito do Ano Santo e o mellor modo é recoñecendo o papel de Santiago e do Camiño", apuntou Xosé A. Sánchez Bugallo.

Tras as conversas mantidas co conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e de momentos de "certas tensións", a reunión deste con representantes políticos e sociais da cidade o luns 1 de febreiro chega nun "clima positivo", en palabras do alcalde. Este afirmou que "nunca quixemos ningunha confrontación nin coa Consellería nin coa Xunta" e que o Concello "traballará conxuntamente" co Goberno Autonómico pen prol do éxito do Ano Santo. "O obxectivo foi sempre resolver un problema, non crear un conflito", insistiu.

Preguntado pola ausencia de actos da Presidencia española da UE en Santiago, o rexedor municipal cualificou esta programación como "notoriamente insuficiente". Neste tema, dixo, "respaldamos á Xunta" na súa demanda de maior participación, e comprometeuse a traballar tamén neste sentido. "Todo o que poidamos facer, farémolo", indicou, se ben recoñeceu as dificultades introducir modificacións nunha axenda "xa pechada e comunicada á UE".

Austeridade
Outro dos temas que abordou o alcalde na súa rolda de prensa semanal foi o plan de austeridade aprobado polo Consello de Ministros, cifrado en 50.000 euros para catro anos. "Supoño que as comunidades autónomas tamén farán plans específicos de redución do gasto público e o Concello xa o fixo na súa prórroga orzamentaria", indicou.

Para Sánchez Bugallo, o obxectivo do Concello "nun escenario de recortes" será "manter as prioridades", que pasan por "cumprir coas obrigas do Ano Santo e manter os servizos que prestamos, especialmente os que van dirixidos ás persoas con menos recursos". Non descartou que, cando se aprobe a liquidación do orzamento de 2009, haxa que facer "novos sacrificios".

Edificio Caixanova
O alcalde tamén aproveitou para manifestar a súa satisfacción pola inauguración, o 4 de outubro, do novo centro Caixanova da praza de Cervantes. "É unha gran noticia para a cidade e para o casco histórico, e estamos orgullosos dun edificio que será unha nova referencia social e cultural da cidade". Tamén anunciou que o auditorio da mesma entidade previsto no antigo edificio do Pilar se inaugurará a finais de 2010, despois da imposibilidade, por retrasos de carácter arqueolóxico, de abrilo o 24 de xullo.

Rúas para José Luis Sánchez-Agustino e Agustín Sixto Seco
Finalmente, o alcalde comunicou que proporá no Pleno ordinario de febreiro que dúas rúas da cidade leven os nomes de José Luis Sánchez-Agustino e Agustín Sixto Seco. "Os dous naceron fóra de Santiago, fixeron a súa vida en Santiago e levaron o nome da cidade a onde foron", dixo deles, cualificándoos como "composteláns de pro".

Compartir: