BENESTAR SOCIAL

O novo Servizo de Axuda no Fogar atenderá a preto de 170 composteláns

28/01/2010 Geriatros, empresa especializada na atención integral ás persoas maiores, firmou o contrato polo que o Concello de Santiago de Compostela lle adxudica o Servizo de Axuda no Fogar. Grazas a el, aproximadamente 170 persoas beneficiaranse de toda as atencións persoais, domésticas, psicosociais e de acompañamento que precisen. Geriatros, que xa xestionou este servizo para o Concello en anos anteriores, asumirao de novo durante un período de dous anos, prorrogables a outros dous.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou este servizo, do que destacou a novidade da "oferta de prazas de emerxencia residenciais", que permitirá aquelas situacións de urxencia de persoas beneficiarias que sofren algún tipo de crise ou accidente. Este punto tamén foi destacado pola directora xeral de Geriatros, Josefina Fernández, porque "non podemos permitirnos que a tramitación burocrática nos mate a humanidade".

Entre os aspectos valorados polo Concello na empresa adxudicataria, a concellería resaltou tamén outros como as axudas técnicas (cadeiras de rodas, andadores, colchóns adaptados, etc), a mellora do servizo de perruquería, as xornadas formativas para as familias ou o mantemento básico do fogar. Trátase, segundo Josefina Fernández, de lograr que "os anciáns envellezan máis tarde e teñan unha boa calidade de vida".

O novo servizo comezará a funcionar o vindeiro luns, 1 de febreiro, tras a sinatura do contrato esta mañá. O orzamento ascende case a 700.000 euros, co obxectivo de que esta prestación mellore "cuantitativamente e cualitativamente", en palabras de Mar Martín. Uns 30 profesionais traballarán neste servizo.

Atención adaptada os sete días da semana
Os profesionais do servizo axudarán aos usuarios en función das súas necesidades de 7 da mañá a 10 da noite todos os días de luns a domingos, incluídos os festivos. Dentro das atencións persoais contémplanse o aseo persoal, o vestido, o subministro axeitado da medicación e a administración das comidas; no caso das atencións psicosociais traballan a reeducación dos hábitos de hixiene ou a xestión das facturas; nas atencións domésticas o profesional realiza tarefas como a limpeza básica da casa ou ir á compra. E ademais, as persoas son acompañadas dentro e fora do seu fogar cando o precisen.

Geriatros é unha das compañías líderes na atención ás persoas maiores dentro e fora de Galicia. Pertencente integramente ó Grupo Caixanova, xestiona ata o de agora dezaseis residencias e trece centros de día en distintos puntos de Galicia, Madrid e Canarias. Ofrece preto de 2.600 prazas de residencia e case 500 de centro de día. Tamén ten adxudicado o Servizo de Axuda a Domicilio dos concellos de Nigrán e Redondela.

Compartir: