ALCALDÍA

A apertura da Porta Santa inicia o Xacobeo

31/12/2009 O arcebispo compostelán, Julián Barrio, abriu grazas a tres simbólicos golpes co seu martelo de prata a Porta Santa, dando así comezo o Ano Xacobeo 2010. Nese momento, máis de 1.000 campás da diócese repicaron ao tempo uníndose á celebración. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e boa parte da Corporación, asistiron á cerimonia.

Malia ser unha tarde chuviosa, numerosos composteláns e visitantes achegáronse ata a praza da Quintana para presenciar a cerimonia de apertura da Porta Santa. A mesma tivo como prolegómeno a música, un salmo e a intervención do nuncio da Súa Santidade, Renzo Fratini, que leu unha mensaxe do Papa na que recordou o Camiño de Santiago como itinerario cheo de "mostras de fervor, penitencia, espiritualidade, arte e cultura". "No Camiño –di Benedicto XVI- contémplanse novos horizontes que fan recapacitar sobre as angosturas da propia existencia e da inmensidade que o ser humano ten dentro e fóra de si".

O Papa afirmou a súa cercanía cos peregrinos, convidounos "a facer acopio das súas suxestivas experiencias de fe, esperanza e caridade" e desexoulles que "teñan vida e en abundancia". Finalmente, agradeceu aos responsables civís e eclesiásticos e aos voluntarios, o seu traballo na organización do Ano Xubilar.

Tras a apertura, con suspense, da Porta Santa, a mesma foi atravesada por toda a comitiva para dirixirse ao interior da Catedral, onde continuou a cerimonia relixiosa. Foi entón cando os primeiros peregrinos, visitantes e composteláns puideron atravesar a Porta.

Julián Barrio leu entón a súa homilía, na que animou a todos a "ser capaces de descubrir a humanidade que existe en cada un de nós" e a "cultivar os lazos persoais e sociais, a xustiza e a misericordia, a audacia e a creatividade". Afirmou esperar que, neste Ano Xubilar, "Santiago sexa unha cidade de innumerables referencias para innumerables pobos". Finalmente, tamén agradeceu a colaboración de persoas e institucións para lograr que os peregrinos teñan unha boa acollida.

Igual que sucedera coa Ofrenda de Translación, os actos comezaran, no medio da intensa choiva, coa chegada do delegado rexio á praza do Obradoiro para pasar revista ás tropas e saudar ás autoridades. Tamén como na xornada anterior, a representación do Rei correspondeu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Ao acto de apertura da Porta Santa asistiron, entre outros, ademais do alcalde e a Corporación, o ministro de Fomento, José Blanco; o delegado do Goberno, Antón Louro; e os conselleiros do Goberno da Xunta; ademais doutras autoridades civís, militares e eclesiásticas.

Compartir: