PLENO

O Pleno aproba a ampliación de usos de dúas parcelas para a escola infantil de Salgueiriños e un centro cívico no Avío

30/12/2009 O Pleno municipal aprobou por unanimidade a ampliación de usos de dúas parcelas, que permitirá dúas novas infraestruturas na área norte da cidade, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte. Trátase das futura escola infantil de Salgueiriños e dun centro cívico no Avío.

A modificación puntual da ordenanza aplicable á reserva EDEP do Plan Parcial do SUNP-2 de Salgueiriños atinxe ás condicións particulares de edificación desta reserva, substituíndo a actual regulación por unha remisión á ordenanza do sistema de equipamento e dotacións do vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). De tal xeito, autorízanse nesta parcela os usos docente, asistencial e deportivo. Nesta reserva construirase a futura escola infantil de Salgueiriños.

Tamén se deu o visto bo á ampliación de usos na reserva de equipamento EDOC do Plan Parcial do SUNP-7 (O Avío). Deste xeito, autorízanse os usos docente, sociocultural, asistencial e institucional-administrativo. En concreto, para o centro cívico previsto destínanse 1.200 metros cadrados dunha parcela total de máis de 6.000 metros cadrados.

Outra ratificación do Pleno foi a do estudo de detalle do quinteiro BB-9 no SUNP-12 de Lamas de Abade. O obxecto deste documento é axustar as aliñacións do devandito bloque, logrando unha dimensión lonxitudinal de 60 metros (fronte aos 59,40 metros aprobados inicialmente), sen incrementar o volume edificable nin a superficie total ocupable pola edificación.

Lei da Dependencia
O Pleno aprobou dúas proposicións, unha instando á Xunta ao pagamento en prazo ás persoas beneficiarias da Lei de Dependencia, e outra solicitando o mantemento do centro de decisión das caixas de aforro en Galicia.

Cos votos favorables dos grupos municipais do Goberno, aprobouse unha proposición presentada polo BNG na que se solicita ao Goberno autonómico "dotar nos orzamentos para 2010 de recursos suficientes para asegurar a cobertura de todas as persoas dependentes".

Igualmente demándase "a apertura das residencias e centros de día xa construídos e a construción dos que xa están proxectados". Ademais, apóstase pola colaboración cos concellos, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, na prestación de servizos sociais de calidade ao conxunto da poboación de Galicia".

Lei de Caixas
Outra das proposicións, tamén presentada polo BNG, insta á Xunta de Galicia a "asegurar, en uso das súas competencias, que o centro de decisión das caixas de aforro galegas se manteña, en todo caso, en Galicia". Cómpre lembrar que precisamente o día anterior a este Pleno foi aprobada a Lei de Caixas polo Parlamento galego.

Demándase que a lei reguladora das caixas de aforro galegas asegure o seu carácter público, a democratización dos seus órganos de goberno, o seu compromiso efectivo coa economía produtiva e a creación de emprego en Galicia, así como a orientación da súa obra social cara a satisfacción das necesidades sociais e culturais reais do propio país".

Finalmente, engadiuse a esta proposición a proposta de que Santiago de Compostela se postule como sede da futura caixa que poida xurdir das fusión das dúas caixas de aforro galegas. A proposición foi votada favorablemente polo BNG e PP e contou coa abstención do PSOE, como sucedera na votación do Parlamento autonómico. Sobre este punto, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou o seus desexos de "éxito para a nova Lei". Tamén se uniu ao desexo de que a sede da hipotética sede da nova caixa galega se atope en Santiago, se ben indicou que "non sei se é conveniente para os nosos intereses" abrir ese debate.

Moción en apoio da Presidencia de España na Unión Europea
O Pleno tamén aprobou unha moción, presentada polo grupo municipal socialista, na que se acorda "participar activamente en todos os actos institucionais promovidos polo Goberno de España e pola FEMP que contribúan a un maior coñecemento da realidade e dos proxectos da Unión Europea, así como da importancia do Tratado de Lisboa". Ademais, apóstase por "articular actos relevantes e populares para a celebración do 9 e maio, Día de Europa, baixo a presidencia de España, e potenciar a presenza da bandeira europea no municipio" durante a devandita Presidencia.

Compartir: