CULTURA

Manuel Vilas e Isabel Monar achegan tonadas e danzas do século XVII nun novo concerto de Todo Lírica

30/12/2009 Todo Lírica 2009 propón unha das súas achegas máis singulares no cuarto concerto. Da man do arpista compostelán Manuel Vilas e o seu grupo Ars Atlántica, o festival acolle un orixinal programa de tonadas e danzas de zarzuelas do século XVII.

Este concerto, titulado Vivir a vida airada, inspírase nas festas organizadas para diversión da nobreza e a burguesía adiñeirada no Madrid do XVII. Música e baile enchían os seráns musicais dos que poderemos escoitar unha interesante selección de cancións (tonos ou tonadas compostas como composicións illadas ou como parte integrante de obras teatrais, zarzuelas ou óperas) e danzas. O programa inclúe obras anónimas e de autores como José Marín, Gaspar Sanz e Juan Hidalgo.

Este concerto supón tamén o regreso a este ciclo da soprano valenciana Isabel Monar, unha artista de gran sensibilidade que atesoura unha máis que interesante carreira internacional (Viena, Nova York, Edimburgo, Boston, Xenebra, México, Chicago, Amsterdam e un longo etcétera). Xa amosou en anteriores edicións a súa versatilidade ao público de Todo Lírica cantando zarzuela e musical americano.

Integran Ars Atlántica –grupo fundado por Manuel Vilas hai un ano é medio– músicos de sobresaínte prestixio e experiencia, e nesta ocasión estará formado por Juan Carlos de Mulder coa guitarra barroca, Luz Martín León-Tello coas castañolas e o propio Manuel Vilas coa arpa de dúas ordes.

As entradas soltas poden adquirirse ao prezo de 6 euros no despacho de billetes do Teatro Principal o mesmo día do concerto.

Compartir: