MEDIO AMBIENTE

A primeira "Guía verde de Santiago de Compostela" propón un percorrido alternativo e inédito pola cidade

29/12/2009 Chega ás librerías unha guía nova de Compostela que se ocupa dun aspecto do que se ten pouco publicado ata hoxe, pese a que a capital de Galicia é unha das cidades con máis metros cadrados de parques e xardíns por habitante de toda a Península Ibérica. Trátase da Guía verde de Santiago, unha obra publicada por Alvarellos Editora e o Museo de Historia Natural da USC e que conta coa colaboración da Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable. Foi presentada no Concello, nun acto no que interviron a concelleira Elvira Cienfuegos, a directora do Museo de Historia Natural, María Isabel Fraga, e o editor Henrique Alvarellos.

A obra, que sae publicada en dúas edicións, galego e castelán, está avalada polo Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago. A directora deste Museo, a botánica María Isabel Fraga, é a coordinadora do libro ademais de ser a autora dos textos, en colaboración con Martín Souto e Daniel Castro. Tamén participan Xan Guerra e Francisco Leonardo.

Papel ecolóxico e 250 fotografías
Impresa en papel reciclado e ecolóxico, esta primeira guía verde da cidade é toda unha descuberta. Un volume ameno, didáctico, sinxelo, inclúe 250 fotografías a toda cor, ilustracións e mapas de 18 parques e xardíns, e fichas prácticas de 130 especies arbóreas. En total, 216 páxinas nas que se traza un percorrido a través das sorprendentes zonas verdes da capital de Galicia.

O libro divídese en dúas partes: a primeira trata dos parques máis representativos do núcleo urbano: Alameda, San Lourenzo, Campus Sur, Eugenio Granell, Bonaval, Belvís.... De cada un destes espazos vaise describindo a súa historia, singularidades e especies arbóreas. A segunda parte é toda unha guía botánica con fichas, fotos, debuxos e comentarios de 130 especies arbóreas que están presentes nestes parques e xardíns de Compostela.

Compartir: