CONSUMO

A OMIC edita unha guía sobre o xoguete seguro e o consumo responsable

28/12/2009 A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), en colaboración co Instituto Galego de Consumo, editou unha guía de Xoguete Seguro e Consumo Responsable. Nesa publicación recóllense unha serie de indicacións para aconsellar aos pais e nais á hora de mercar os agasallos nestas datas do Nadal. Repartíronse 5.000 exemplares desta guía nos fogares composteláns.

"Os xogos e xoguetes teñen un papel importante no desenvolvemento da personalidade dos nenos e das nenas, facilitan o proceso de socialización e favorecen o desenvolvemento afectivo, intelectual e a integración social". Así comeza unha guía na que se indica que para que os xogos se consideren seguros deben cumprir a normativa legal vixente. Ademais, aconséllase mercar xoguetes educativos e que non poñan en perigo a seguridade e saúde dos pequenos.

Un dos aspectos nos que esta guía fai fincapé é na normativa vixente sobre xoguetes. Así, un xoguete debe levar no seu envase o marcado CE, o nome do fabricante información de uso e montaxe no idioma oficial. Ademais, se é un xoguete perigoso debe aparecer a correspondente advertencia sobre a prevención de riscos. Neste aspecto, a guía incide na necesidade de asegurarse do cumprimento da normativa, de ler e seguir as instrucións de uso, de revisar periodicamente o estado dos xoguetes e de comprobar o contorno do xogo.

A OMIC tamén ofrece unha serie de recomendacións para educar na seguridade. Finalmente, ofrécense as pautas para actuar en caso de atopar algún problema. Así, recórdase que o tícket de compra, o xoguete e o seu envase son imprescindibles para efectuar calquera tipo de reclamación. Se a solución no punto de venta resulta imposible, o usuario deberá acudir á OMIC, aos organismos de consumo autonómicos ou ás organizacións de consumidores. Ademais, un procedemento áxil e accesible, sen apenas formalidades é a arbitraxe de consumo.

Compartir: